A ACADEMIA CONVOCA UNHA ASEMBLEA PARA DEBATER OS CAMBIOS NOS PREMIOS MESTRE MATEO

15 / 11 / 2014

A Academia Galega do Audiovisual convoca unha asemblea xeral para debater os cambios nos Premios Mestre Mateo. Terá un carácter aberto e, ademais dos socios, poderá participar calquera integrante do sector audiovisual galego.

A Academia Galega do Audiovisual debaterá os cambios da próxima edición dos premios Mestre Mateo nunha asemblea xeral extraordinaria que se celebrará en Santiago o vindeiro sábado, 22 de novembro.  A convocatoria terá carácter aberto e nela poderán participar, ademais dos socios da AGA, todos os integrantes do sector audiovisual galego que o desexen.  A Academia abrirá unha vía de contribución de ideas e opinións para quen non poida acudir á asemblea.

 

Debate en asemblea / Reformulación dos Mestre Mateo

A asemblea da AGA debaterá, segundo a orde do día,  as reformas propostas para os Mestre Mateo na anterior asemblea. Tamén se debaterá o modelo de galardóns para a próxima edición e a reintegración na mesma dos premios para as categorías de mellor dirección de produción, curtametraxe, webserie, videoclip e anuncio publicitario. As tres últimas destas catro categorías poderían quedar encadradas nos Mestre Mateo, como veu sucedendo desde a súa fundación, ou pasarán a protagonizar os premios de nova creación que pretende promover a AGA.

 

 

Participación aberta

Para ampliar o debate sobre os premios e entendendo que as decisións da Academia non afectan só aos seus asociados, a AGA pretende incluír nos seus debates a todas as persoas do sector audiovisual galego para que o resultado das deliberacións sexa o máis aproximado posible ás intencións do conxunto do sector. Nesta asemblea extraordinaria, ademais do socios da Academia, poderán participar, con voz e sen voto, todos os integrantes do sector que o desexen. Ademais, para quen non poida asistir a convocatoria do vindeiro sábado, a AGA habilitará o seu correo (info@academiagalegadoaudiovisual.gal) como caixa de suxestións ao que remitir as opinións sobre os premios e as súas posibles formulacións e sobre a recuperación para os Mestre Mateo das categorías de mellor dirección de produción, curtametraxe, webserie, videoclip e anuncio publicitario. As propostas recibidas no correo da AGA serán incorporadas ao debate a celebrar na asemblea.

 

 

Asemblea xeral extraordinaria da Academia Galega do Audiovisual

Día: 22 de novembro de 2014

Hora: 10.00 en primeira convocatoria, 10.30 en segunda.

Local: na sede da SGAE, en Santiago de Compostela (Rúa das Salvadas 2A, Parque de Vista

 

Etiquetas: