29 CURTAMETRAXES CONCURSAN NO 40º CERTAME AUDIOVISUAL LICEO CASINO DE VILAGARCÍA DE AROUSA

24 / 08 / 2012

29 curtametraxes foron seleccionadas para competir no 40º Certame Audiovisual Internacional Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, tamén coñecido como Curtas Film Fest, que está tendo lugar o 23 e 24 de agosto nesa localidade pontevedresa organizado polo Liceo Casino.

O eixo central do Curtas Film Fest 2012 é a súa sección competitiva de curtametraxes, para a que foron seleccionadas 29 finalistas, entre as 663 recibidas durante a convocatoria. Ao premio ao mellor audiovisual do festival aspiran Aquel no era yo, La media pena, Don Enrique de Guzmán, Life Vest Under Your Seat (Volamos hacia Miami), Nadie se mete con Acuña, Ngutu, Prólogo, Una historia real, Unfarewell e Zombi; ao premio á mellor curta de animación, Bendito Machine IV, Ella, Growing Leo (Leo creciente), Historia d’este, Jaime el Barbudo, La viuda de Tamarindo, Le peuple de l’Herbe – Parler le fracas, Luminaris, Once Upon a Time in the Earth e Palito; e ao premio ao mellor realizador novel, o xa citado Don Enrique de Guzmán, 5ºB Escalera Dcha, Aunque todo vaya mal, Como dirán tus esquelas, Desayuno con diadema, Obsesión, Olvido, Perrito chino, Recoprem 10 mg e Velando a los muertos.

Os traballos seleccionados para o Curtas Film Fest 2012 exhibíronse onte xoves, 23 de agosto e hoxe venres 24 (os candidatos ao mellor audiovisual, ás 18:00 horas). A gran gala final de entrega de premios do certame celebrarase hoxe venres ás 21:30 horas, ao aire libre, na Rúa Castelao, se as condicións meteorolóxicas o permiten. Os premios decidiraos un xurado composto por profesionais do cine, a televisión, a comunicación ou a docencia. A mellor curta recibirá un premio de 1.000 euros; a mellor curta de animación, de 600 euros; e a mellor curta dun realizador novel, de 300 euros. Os tres galardóns inclúen, ademais, un trofeo. O xurado tamén poderá propoñer outros premios ou mencións honoríficas, aínda que sen dotación económica, e á gala de peche deberán asistir os premiados.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: