O 18OUFF ESTREA DOUS DOCUMENTAIS MOI VENCELLADOS Á HISTORIA DE OURENSE

31 / 10 / 2013

A etiqueta de marca define a proxección exterior dun pobo. E na historia desta provincia hai dous elementos marcados con lume: a irrupción da banda Los Suaves no panorama musical, e o Caso do Metílico, que levou por diante a vida de centos de persoas a principios dos sesenta. O Festival de Cine Internacional de Ourense presentará, na súa decimoitava edición (18OUFF), senllos documentais que tratan estes feitos: Viaje al fin de la noche (Raúl García, 2013) e Metílico, la bebida de la muerte, de Emilio Ruiz Barrachina. O director madrileño pasará polo 18OUFF para presentar este documental baseado no traballo de investigación de Fernando Méndez (recollido no libro Metilico, 50 años de envenenados) en torno ás estrañas mortes e cegueiras sufridas por mariñeiros de Canarias e campesiños galegos. A trama destapou o maior suceso de intoxicacións masivas ocorrido en España: o Caso do Metílico, un alcol que até ese momento só se empregaba para fabricar pinturas e combustible de avións e que foi comercializado polo empresario ourensán Rogelio Aguilar. Metílico, la bebida de la muerte comezou a súa rodaxe no mes de abril de 2013, e ten unha duración de 52 minutos.

A banda de rock Los Suaves protagonizará a outra estrea de documentais ourensáns. Logo de trinta anos de vida, o grupo liderado polos irmáns Domínguez está metido de cheo na Xira dos Mil Concertos, e para culminalo deciden celebrar un acontecemento único localizando os antigos integrantes da banda. A idea non semella sinxela… e sobre esta viaxe ao fin da noite pivota o argumento do documental. Unha nova e sorprendente ollada sobre unha das bandas que máis paixóns esperta fóra da nosa cidade.

Alén destes dous, o 18OUFF tamén acollerá a proxección do documental Magic: the Gathering – El documental, do ourensán Marcos Fernández, un traballo no que se pretende explicar e dar a coñecer, dunha maneira práctica e simple, o funcionamento e o mundiño que rodea ao xogo de cartas coleccionables do mesmo nome.

Categoría: Novas
Etiquetas: