AS XORNADAS XOCIVIGA DE O CARBALLIÑO PECHAN O ANO CUN CICLO DE CINE GALEGO DE ESTREA

29 / 12 / 2011

Dende onte ata o 30 de decembro terá lugar en O Carballiño outro dos ciclos que se están programando ao longo destes últimos meses no marco das Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia (Xociviga), que organizan o Concello e o Cineclube Carballiño. Nesta ocasión, está adicado ao cine galego de estrea.

O ciclo de cine galego de estrea desenvolverase en dous recintos de O Carballiño. No Auditorio  exhibiranse a tv-movie Sinbad, de Antón Dobao, coa presenza do director, así como o filme mexicano-galego Años después, de Laura Gardós, aínda non estreado comercialmente en España, e os documentais Todos vos sodes capitáns, de Oliver Laxe, e Tralas luces, de Sandra Sánchez, coa presenza da directora. Na Casa da Cultura ofrecerase un ciclo adicado ao xoven cineasta vigués Lois Patiño, que estivo en Carballiño onte. Conformano cinco das súas obras máis recentes, Esliva, Hacia el origen, Ecos del bosque, Zuma e Rayito, que se ofrecerán repartidas en dous programas.

Ademais, na Casa da Cultura de O Carballiño tamén se verán os documentais As silenciadas, de Pablo Ces (coa asistencia do director e da guionista, Aurora Marco, e con música en directo a cargo do compositor da banda sonora, Pilo Sierra), e Non che doe?, de Loreto Costa (coa presenza da directora, que falará do labor de axuda humanitaria que leva a cabo Solidaridade Galega, e que se reflexa na película). As proxeccións na Casa da Cultura serán gratuítas, ás 18:00 e 20:00 horas. No Auditorio da localidade ourensana, haberá sesións ás 18:00, 20:00 e 23:00 horas, e a entrada custará 4 euros, salvo no caso da tv-movie Sinbad, que se exhibirá na gala inaugural con entrada gratuíta.

Categoría: Novas
Etiquetas: