XORNADAS DE “MARKETING E DIRECCIÓN DE PRODUCIÓN” ORGANIZADAS POLO MPXA

26 / 02 / 2010

A próxima semana darán comezo as xornadas de “Marketing e dirección de produción” a cargo de Guillermo Velasco e Cristina Zumárraga. O director comercial de Enne Entertaiment Studios estará no MPXA (Máster en Produción e Xestión Audiovisual) os próximos luns e martes, 1 e 2 de marzo, para tratar o marketing como peza fundamental para vender produtos audiovisuais e para abrir novos mercados, así como os elementos e medios precisos para comercializar contidos neste panorama dixital. E os próximos xoves e venres, 4 e 5 de marzo, a directora de produción de Che, el argentino, Cristina Zumárraga, falará sobre a elaboración e xestión de presupostos cinematográficos. E, a través da longametraxe Che, Guerrilla, explicará o proceso dunha coprodución e todo o que este conleva.

Velasco desenvolveu gran parte da súa carreira profesional no sector audiovisual, nas áreas de produción, comercialización e distribución de contidos en cine, vídeo e TV. A súa traxectoria no sector comezou no 1994 en Filmayer International, distribuíndo produto Castlerock e Turner. Posteriormente ocupou a dirección de marketing e adquisicións de Aurum, brazo de distribución e produción de Antena 3 TV, para a continuación formar Treintaytantos, a súa propia compañía de servizos de marketing e distribución.

Zumárraga gañou o Goya 2007 á mellor dirección de produción na adaptación cinematográfica dun relato de Arturo Pérez Reverte: Alatriste, e estivo nomeada por Che, el argentino, El lobo e Che, Guerrilla, filme de Steven Soderbergh con Benicio del Toro e Franka Potente como protagonistas. Ademais, Zumárraga foi directora de produción de películas como La carta esférica, dirixida por Imanol Uribe, con Carmelo Gómez e Aitana Sánchez-Gijón, Lágrimas negras, En la ciudad sin límites e Room in Rome, dirixida por Julio Medem. También la lluvia, con Icíar Bollaín como director, e protagonizada por Gael García Bernal e Luís Tosar é a súa última produción.

Categoría: Novas
Etiquetas: