VOLVE CURTOPÍA, O 28 E 29 DE SETEMBRO NO ALGA LAB DE VALADARES

25 / 09 / 2013

Volve CURTOPÍA, o festival de curtas vigués que xa celebrou o 2010 a súa primeira edición. Nesta ocasión terá lugar no alga lab de Valadares os días 28 e 29 de setembro.

A romería audiovisual volve a Valadares os 28 e 29 de setembro da man do festival de curtametraxes Curtopía. Na pasada edición, un total de 300 curtópatas achegáronse ao Alg-a Lab, sede xa consolidada do festival. Durante os dous días de poderanse ver unha chea de curtametraxes, dúas instalacións artísticas, unha intervención sonoro poética e desfrutar da música de grupos de diferentes estilos. 

Curtopía comeza o sábado ás 12 da mañá cunha mostra sobre o conflito do Sáhara e a música en directo de Dr. Swinglove para acompañar a sesión vermú.

De xeito permanente poderase visitar a instalación GOVI: á busca da balea. Govi parte das entrañas de Tankolectif que xa sacou á balea a pasear no Encontro de Arquitecturas Colectivas, deixando a súa visible pegada nas paredes da Panificadora. O colectivo cóntanos que a través da instalación poderase “…descubrir a beleza do patrimonio industrial ó redor da ría” e convida a participar creando unha historia “…que alimente, que reavive e que encha de valor e actividade aqueles espazos en letargo que outrora alimentaron a nosa contorna.” 

A noite do sábado comezará co recital poético de Irene La Sen, seguido pola actuación en directo de tres das bandas locais máis prometedoras. Spooky Prom Monsters levarán a Valadares o seu “psycobilly horrorpunk” que ven podería ser a banda sonora do vindeiro filme de Tim Burton. Os Doutores do Ruido é unha superbanda de recente creación na que se integran algúns dos máis talentosos músicos da nova fornada do jazz e o latin. O grupo de percusión Ke Percussion xa son uns vellos coñecidos do Curtopía. Este ano animaran a noite coa súa batucada. Para pechar a noite, os djs residentes do Alg-a Lab nunha das súas pinchadas que denominan Furancho Electrónico.

E por suposto, curtas, moitas curtas. Dende os conflitos internacionais como o saharaui, aos máis locais como o de Porto Cabral, as mostras de Curtopia 2013 afondan na creación audiovisual comprometida. Un bo repaso ao que se está a facer na Galiza hoxe, sen perder de vista o traballo dos pioneiros, como Lorenzo Soler. Serán un total 11 mostras que se proxectarán dende o sábado ás 12:00 ata o domingo ás 19:00. Nos bloques de curtametraxes contaremos coa participación da Asociación Abarlovento, Tankcolectif, Tecnoloxías Aplicadas, Raias Traveseiras, o colectivo Espazo Aberto Antimilitar, ademais da estrea de dous videoclips e a proxección de dúas webseries.

Todo o que suceda no Curtopía será contado nunha especial colaboración con Radio Piratona que ocupará de novo as ondas na súa frecuencia habitual, 106.0, despois de meses de inactividade. Tamén se poderá seguir a transmisión no podcast da páxina web, curtopia.es. 

Nos visitará, tamén, a Distribuidora Alternativa Lapsus que levará os seus libros ata o festival para compartir con todas as participantes literatura de análise e formación crítica.

 

Durante todo o festival estará instalada unha barra con comida e bebida para poder facer fronte as horas de proxeccións e actividades culturais.

 

Toda a información de Curtopía aquí

Categoría: Novas
Etiquetas: