VOLVE A CAN PARADE, UNHA MOSTRA NA QUE CREADORES NOVOS REDESEÑAN O EMBLEMA DO FESTIVAL: O CAN DE CANS

23 / 04 / 2013

O Festival de Cans, con motivo da súa décima edición, retoma a Can Parade, unha iniciativa posta en marcha en edicións anteriores na que a silueta do emblema oficial do festival, o Can de Cans, se lle entrega a novos creadores e creadoras de diferentes disciplinas para a súa decoración e reinterpretación con total liberdade e posterior exposición durante os días do festival. A Can Parede do décimo aniversario está coordinada por Alberto Alcalde e para a súa celebración conta coa colaboración do pub O Sótano e a empresa Di Milano.

Logo da convocatoria lanzada no mes de marzo, seleccionáronse dez participantes entre as máis de 40 solicitudes. O resultado do seu traballo exhibirase de forma conxunta o xoves 23 de maio na calexa situada detrás do pub O Sótano, unha vía transversal á rúa Fernández Areal. O obxectivo principal desta exposición é dinamizar este espazo urbano aberto do centro do Porriño, pero de pouco tránsito e algo esquecido. Ao entrar a formar parte da órbita de acción do festival, preténdese poñer en valor esta calexa e convertela nun novo espazo a ter en conta.

Así mesmo, búscase dar a coñecer o traballo de artistas e colectivos artísticos emerxentes, que están irrompendo con propostas innovadoras e que proceden principalmente do ámbito local (O Porriño e Vigo), aínda que tamén do resto de Galicia (Ferrol, Cambre…). Os seleccionados desta edición foron Noemí Díaz Patiño, Estudio Sígaris, Sergio Fernández, Romina Vilaboa, Yago Puentes, Estudio Barbamolón, Arancha Vilas, Laura Lago, Inés Elorrieta e José Varela Varela. Pertencen a distintas disciplinas, entre elas, o diseño gráfico, a fotografía, a pintura, a escultura, a ilustración, o escaparatismo e a escenografía.

A mostra coincide coa Noite VClips e os asistentes poderán votar os seus tres traballos preferidos. A peza más votada recibirá un galardón na Noite de Estrea do festival, o venres día 24 de maio no Torreiro de Cans. Durante o día grande do festival, o sábado 25 de maio, as pezas estarán distribuídas e expostas polas diferentes salas de proxección.

Actuación de Missin’ Blues

A Can Parade inaugurarase cunha antuación en directo do grupo local Missin´ Blues, que terá lugar na propia calexa detrás do pub O Sótano. Esta banda é un proxecto de blues e country en formato acústico. Xorde no Porriño, no delta del río Louro, como non podía ser doutra maneira, e está formada por Javier Casal á guitarra, dobro e voz, e Marcos Legazpi á guitarra e coros.

Can Parade Virtual

Logo da boa acollida que tivo a convocatoria da Can Parade, a organización do festival decidiu que esta tamén debía ter vida no mundo virtual, onde non hai límite para a capacidade creativa de todas as persoas que queiran participar. Desta maneira vaise convidar a todo o mundo que o desexe a facer a súa propia interpretación do Can de Cans para a Can Parade Virtual.

A silueta do emblema do festival estará a partir de hoxe dispoñible na web

www.festivaldecans.com para a súa descarga e que cadaquén faga con ela un deseño como máis lle preste, xa sexa dixital ou manual. Logo a imaxe ou imaxes resultantes enviaranse ao mail festivaldecans@gmail.com co nome do autor ou autora e o título (se o ten). Incorporarase ao muro da Can Parade Virtual na propia web e na páxina en Facebook do festival.

Noite VClips

Este evento coincide coa celebración da Noite VClips, o tradicional concurso de videoclips do festival, patrocinado por V Televisión, que dará comezo despois da actuación de Missin’ Blues e que nesta edición se celebrará no pub O Sótano, na rúa Fernández Areal. Como vén sendo habitual, o concurso contará coa presentación dunha cara coñecida do noso audioviosual, que este ano será o presentador Juan Fuentes, e os asistentes poderán votar o seus videoclips preferidos.

Categoría: Novas
Etiquetas: