Vilamor, a nova película de Ignacio Vilar, producida por Vía Láctea Filmes e protagonizada por Rubén Riós, Sabela Arán e Xoel Yáñez, competirá na categoría de longametraxes narrativas do New York City International Film Festival, NYCIFF 2012, que se celebrará do 9 ao 16 de agosto, segundo anunciou a productora.

Vilamor, que está inspirada nunha comuna real que se instalou nos anos 70 nas montañas de Lugo, e que aínda continúa activa, será proxectada na praza de Times Square. O director, Ignacio Vilar, comentou que “non desperdiciaremos esta ocasión única para que o noso cine e a nosa lingua se escoiten no corazón do imperio, e para conquistar ao público internacional con esta historia”. O cineasta promete levar a Nova York o espírito da Caravana Vilamor que, durante os últimos meses, recorreu Galicia promocionando o filme.