Un espectáculo musical inspirado do burlesque e nas feiras ambulantes dos anos 30. Esta foi a temática escollida pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) para celebrar a gala de entrega dos XIV Premios de Teatro María Casares que terá lugar mañá, mércores, 24 de marzo no Teatro Rosalía Castro de A Coruña, a partir das 20.30 horas.

Así o facía público o presidente da AAAG, Vicente Montoto, esta mañá na rolda de prensa de presentación da gala que tivo lugar no Concello da Coruña, ambas entidades organizadoras do evento. Montoto estivo acompañado no acto pola concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, e polo director da gala, José Díaz, da compañía de teatro Voadora.

A música e a estética levarán o peso central dun espectáculo definido polos seus responsables como “enerxético, sen complexos, cunha mistura de disciplinas e dos distintos oficios das artes escénicas: músicos, actores, titiriteiros, cantantes, bailaríns …”, explicaba José Díaz. O presidente da AAAG, pola súa banda, lembrou a especial relevancia da celebración desta edición en que se cumpren 25 anos da constitución da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

Precisamente por este motivo, Montoto lembraba a concesión do Premio de Honra Marisa Soto a Gonzalo Uriarte, ao que se lle recoñece “non só a súa longa traxectoria profesional senón o seu traballo como primeiro presidente da AAAG, 1985, e o daqueles que traballaron para poñer en marcha este proxecto”, explicou Montoto.

Neste sentido, a concelleira de Cultura, María Xose Bravo, tamén resaltaba o carácter especial desta gala, “nun ano en que se cumpren as vodas de prata da asociación, é de agradecer que a asociación volte escoller Coruña como sede para celebrar o gran día do teatro”, explicou a edil.

Jose Díaz e Marta Pazos, da compañía Voadora dirixen un texto irónico de Manolo Cortés, coa dirección artística de Curru Garabal (directora artística da longametraxe Gordos de Sánchez Arévalo) e con Raquel Fidalgo (nominada aos Goya por Celda 211) maquillando aos intérpretes.

Hugo Torres será o mestre de cerimonias, acompañado dos “Augustos” (Natalia Outeiro “Pajarito” e Sergio Zearreta) e dun corpo de baile a cargo de Raquel Oitavén e Uxía P. Vaello e coas músicas interpretadas por Suso Alonso, Pepe Sendón, Xabier Mera e Alfonso Calvo. Completan o elenco os aéreos de Sue Moreno, Roberto Leal e O Retrete de Dorian Gray (Marcos Ptt e Ezra Moreno).

Traxectoria de Voadora

Radicada en Santiago de Compostela, Voadora xurde no verán de 2007 dunha parte da necesidade de crear un espazo móbil de pesquisa de novos sentidos e linguaxes para a escena e, por outra, da vontade de potenciar a creación artística e o intercambio cultural. O equipo, constituído por Hugo Torres, Jose Díaz e Marta Pazos, está formado por mozos creadores de diferentes disciplinas artísticas e traballa na xestación de proxectos escénicos baseados na experimentación, o xogo e a busca de novas linguaxes.