Con motivo da celebración da oitava edición de Amal, as mañás do 25 ao 29 de outubro estarán dedicadas a uns espectadores moi especiais: os nenos. Despois do éxito da primeira edición, os pequenos asistentes ao Ciclo de Cine Infantil poderán coñecer e comprender mellor a cultura árabe a través do cine.

Entre as 11.00 e as 13.00 horas, o Salón de Actos do Hotel Meliá Araguaney acollerá sesións de dúas horas de duración, nas que se proxectarán tres curtametraxes amenizadas por unha contacontos, para axudar aos nenos, dun xeito ameno e divertido, a aprender xogando. Tres historias con temáticas moi diferentes: Hudud, The tissues vendor e Warda.

Louise-Marie Colon e Delphine Hermans dirixen as curtametraxes belgas Hudud e Warda, que contan as vicisitudes das familias palestinas no seu día a día, a través de dúas historias protagonizadas por Warda (unha nena que todas as mañás lle leva comida á súa avoa ata que, un día, un muro enorme lle impide pasar) e por un rapaz de 16 anos que, como o resto de adolescentes da súa idade soportar toque de queda, postos de control militares e arrestos arbitrarios. Por outra banda, Mohamed Malas dirixe The tissues vendor, unha conmovedora historia sobre unha familia que decide recadar diñeiro vendendo panos de papel para axudar a seu pai a alcanzar un soño: mercar unha furgoneta.