TVG SERÁ A ANFITRIONA DO PRÓXIMO CONGRESO DAS TELEVISIÓNS PÚBLICAS REXIONAIS DE EUROPA

22 / 05 / 2012

A Televisión de Galicia será a anfitriona do próximo Congreso das televisións públicas rexionais europeas agrupadas na asociación Circom, segundo se anunciou durante a conferencia anual da entidade celebrada en Malmö (Suecia) do 17 ao 19 de maio. En dito evento fíxose entrega, así mesmo, dos Prix Circom 2012. Un deles foi para a serie galega Matalobos.

Ademais, no mes de novembro levarase a cabo en Santiago unha reunión do Comité Europeo de Circom. Este órgano acordou así mesmo, nomear ao director de Comunicación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG), Fernando R. Ojea, vicepresidente da institución e membro do seu Comité Executivo, que xestiona regularmente Circom. Actualmente, Ojea era coordinador nacional da asociación para España. Circom, a asociación de televisións públicas rexionais europeas, agrupa a 260 canles do continente, e contou durante a súa reunión en Malmö con delegados de 26 países. Co lema “Alcance, relevancia e responsabilidade”, no encontro prestouse especial atención ao servizo público rexional no actual contexto de recortes presupuestarios, aos cambios derivados da innovación tecnolóxica, ao papel do xornalismo e á cooperación entre televisións. A directora da TVG, Rosa Vilas, participou o xoves 17 de maio na sesión de apertura do Congreso Anual de Circom, compartindo escea co presidente da entidade, o belga Jacques Briquemont, e responsables das TVs públicas de Suecia, Holanda, Grecia e Italia.

Durante esa mesma xornada, Rosa Vilas recolleu, no transcurso dunha gala, o prestixioso Prix Circom 2012 á mellor ficción europea, que se lle concedeu a Matalobos, serie producida por Voz Audiovisual e ambientada na loita entre clans de narcotraficantes, que constitúe o galardón máis importante recibido na historia da Televisión de Galicia. O venres 18 de maio pola tarde, a directora de TVG, Rosa Vilas, e o director de Voz Audiovisual, Carlos Carballo, realizaron a presentación ao resto das televisións europeas dos aspectos artísticos, técnicos e de produción da serie, e explicaron os seus elementos principais a través dunha proxección analizada das secuencias máis significativas. A sesión especial, moderada pola irlandesa Maire ni Chonlain, da televisión irlandesa en gaélico TG4, desenvolveuse dentro da sección “Encontro cos vencedores”, no marco do Congreso das televisións públicas rexionais de Europa. Os gañadores dos Prix Circom 2012 nas diferentes categorías foron seleccionados entre preto de 200 traballos procedentes de 23 países. France TV e a BBC foron as televisións que obtiveron máis galardóns nesta edición, con dous en cada caso.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: