Presentouse a programación de (S8), a II Mostra de Cinema Periféricos, que se celebrará en A Coruña do 2 ao 5 de xuño organizada pola Asociación Cultural eSe8, con diversos apoios. Entre as propostas máis relevantes deste evento centrado no cine experimental e de vangarda destacan a proxección, na sesión inaugural, da versión restaurada de Metrópolis, e “O Ceo na Terra”, un ciclo que contará coa presenza de relevantes artistas internacionais.

Esta segunda edición de (S8) abrirase cun acontecemento especial: a exhibición, dentro da sección “Vangardas Cinematográficas”, dunha nova copia restaurada de Metrópolis, obra mestra de 1927 de Fritz Lang, que inclúe tres rollos de película que se crían irremediablemente perdidos, e que foron descubertos no ano 2008 en Arxentina. O evento, que se celebrará no Teatro Colón o 1 de xuño, contará coa interpretación en directo da súa partitura orixinal a cargo da Orquesta Filarmónica Cidade de Pontevedra. Outro dos pratos fortes será o ciclo “O Ceo na Terra”, dentro da sección “A segunda vida das imaxes”, co-organizado con A Casa Encendida e O CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe). Trátase dunha exploración, dende a vangarda, do mundo do espiritual e o fantasmal. O ciclo programará as obras de catro figuras internacionais de primeira orde dentro do cine experimental actual: Rober Beavers, cineasta en activo dende 1967, ao que a Tate Modern adicou unha retrospectiva recentemente; Phil Solomon, fascinante creador do cine de apropiación que fora colaborador de Stan Brackhage; a artista de orixe escocés Zoe Beloff, cuxo traballo veuse, entre moitos outros, no Whitney Museum of American Art e o MoMA; e Nathaniel Dorsky, cineasta galardoado na última edición do Festival de Rotterdam, que presentou as súas películas silentes e hipnóticas en institucións coma o MoMA e o Centro Pompidou. Contarase, ademais, coa presenza de Beloff e Dorsky. O (S8) tamén dará conta da forza que a día de hoxe segue tendo o Super 8 como ferramenta de creación, a través da súa sección “Super 8 Contemporáneo”. Este ano, o apartado leva por título “Imaxes rodadas, películas robadas e son panayonqui”, e o comisariou Playtime Audiovisuales. Estará adicado principalmente ao videoclip, recompilando os traballos de diversos cineastas nese formato para artistas como El Guincho, Vivian Girls, Aterciopelados ou o Dúo Cobra. Ademais, ofrecerá unha actuación en directo do Dúo Cobra. Será unha performance musical que se acompañará dunha multiproxección en Super 8. O apartado “Cine primitivo en España e Portugal”, realizado en colaboración coa Filmoteca Española, a Cinemateca Portuguesa e o CGAI, reunirá unha serie de películas das coleccións João Anacleto Rodrigues e Antonino María Sagarminaga, filmadas entre os anos 1896 e 1897 co sistema Joly-Normandin. Contarse con Alfonso del Amo, responsable da área de restauración da Filmoteca Española, para unha presentación. A última sección é “Outros formatos do cine en Galicia”. Un dos distintivos de (S8) con respecto a outros eventos similares é o protagonismo que ten na Mostra o cine performativo, é dicir, o cine en directo. Este ano se contarase coa performance en 3D Claire and Don in Slumberland, de Zoe Beloff (que forma parte tamén do ciclo “O Ceo na Terra”), onde o monstruoso e o ridículo danse a man. Ademais, o británico Guy Sherwin, unha das figuras máis significativas do cine performativo, fará unha visita ao (S8) con dobre aliciente: por un lado, a proxección das pezas cortas “ao uso” da súa filmografía; e, por outro, poderase asistir a unha das súas sesións de cine en directo.

Pola súa parte, Left Hand Rotation, un colectivo artístico que leva en activo dende 2004, adicado a desenvolver proxectos experimentais en múltiples formatos e soportes, estará presente no evento con dúas instalacións interactivas: “Atención: spoiler”, que destripa as estructuras narrativas convencionais do cine comercial; e “Trucador”, xogo sobre as interferencias que provoca a dobraxe na recepción das obras cinematográficas. Ademais, poderase ver unha videoinstalación de Vari Caramés realizada en exclusiva para a Mostra, outra instalación de Amado Lorenzo, e haberá espazos dedicados a La Casa Encendida (onde, entre outras cousas, se verá unha selección de traballos do concurso de curtametraxes En.pezas 2011 e do Festival Play) e ao Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa (cunha proxección multimedia e uhna videoanimación en 3D). Outro espazo será tomado polos exercicios de videocreación e novas propostas dos alumnos de Comunicación Audiovisual da Universidad de Vigo. Ademais de todo isto, o (S8) establece unha conexión directa co público, con actividades como o Obradoiro de Cine sen Cámara “A brecha”, ou a mostra de cine mudo para nenos, na que este ano se poderán ve-las ensoñadoras e excepcionais películas de animación feitas con artesanais siluetas recortadas, da pioneira alemana da animación Lotte Reiniger. Tamén se volverá a celebrar este ano, dentro do (S8) o Observatorio, unhas xornadas para profesionais da arte e a cultura cuxo fin é xerar diálogos ante os retos actuais da xestión cultural, coma é o caso do tema a tratar este ano: os arquivos, as redes e a memoria. Así mesmo, levaranse a cabo unha presentación de película Kodak aberta ao público, y un obradoiro de cinematografía en 35 mm para profesionais, en colaboración con dita marca e a Asociación de Técnicos do Audiovisual de Galicia (ATEGA). Por último, “Off Mostra” levará o cine a tódolos rincóns da cidade co seu propio vehículo, O Tranvía, e representacións espontáneas na rúa a cargo da compañía Fredi & Cía. O groso das actividades do festival levaranse a cabo na Antigua Cárcel Provincial de A Coruña, e, na sùa maioría, serán gratuítas. As excepcións son a xa citada proxección de Metrópolis no Teatro Colón, o ciclo “O Ceo na Terra”, que se desenvolverá no CGAI, e as xornadas O Observatorio, que se celebrarán no Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa os días 3 e 4 de xuño.