TODAS AS CARAS QUE SE VERÁN NO 16OUFF

6 / 10 / 2011

Moitas son as caras que van resultar coñecidas nesta decimosexta edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (16OUFF). Catherine Deneuve e Gerard Depardieu, Federico Luppi, Chloe Sevigny, Ernesto Sevilla, Ricardo Darín, Pilar Punzano, Santi Rodríguez, Elsa Pataky, Luís Tosar… son só algúns dos nomes que se van pasear polas preto de 200 películas que proxecta o 16OUFF entre selección oficial e ciclos temáticos.

Pero as destas figuras non serán as únicas caras que se poderán ver do 14 ao 23 de outubro en Ourense: coa intención de achegar os convidados e protagonistas destas películas, o 16OUFF organiza ao longo de toda a semana os Encontros co Público: unha carpa emprazada no exterior do centro comercial Ponte Vella, moi preto dos cines, servirá como punto de encontro para que os directores, actores, acrtrices e protagonistas dos encontros profesionais podan achegarse aos cidadáns de Ourense e compartir opinións e impresións sobre os filmes dos que forman parte.

Os Encontros co Público comezarán o sábado 15 de outubro, e se prolongarán diariamente até o remate do festival. Comezarán ás 18:30 horas (despois da primeira sesión vespertina, ás 17:00h, e antes da segunda, ás 20:00h), e serán diarios a partir do sábado 15.

Ao longo das vindeira semana iremos coñecendo os primeiros protagonistas, pero xa podedes ir anotando estes nomes: a arxentina Carolina Carrillo (Hasta que la muerte nos separe), o sevillano David Sáinz (Malviviendo), Cihan Inan e Siir Eloglu (director e protagonista da coral 180º), Walther Gothenuis (quen dirixe o documental Bo proveito: Como a comida cambia o mundo), o realizador franco-arxelino Amor Hakkar (Uns días de descanso), o xermano Andreas Kannengiesser (Camiño a casa) ou a galega Sonia Méndez (directora das pezas Leo y Mario… e As Damas negras, en Panorama Galiza), por citar só a parte dos que nos visitarán.

Categoría: Novas
Etiquetas: