Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde foi dirixida e producida por Zaza Ceballos sobre un guión de Puri Seixido. Ademais da coprodución con TVG, contou coa participación de Telemadrid, Canal Sur, ETB e Canal 9, en cuxas canles será proximamente emitida.

No elenco atópanse caras coñecidas da escena galega e nacional: Susana Dans interpreta a Emilia Pardo Bazán e Manolo Solo dá vida a Benito Pérez Galdós. Tamén traballan no título intérpretes como César Cambeiro, a gañadora dun Goya Mabel Rivera, Antonio Durán “Morris”, Casilda Alfaro, Lúa Testa, Manuel Lourenzo, Laura Ponte, Tamara Canosa, Manuel Millán, Albert Forner, Balbino Lacosta, Jordi Ballester e Sergio Caballero, entre outros actores.

A rodaxe realizouse en Galicia e en Madrid nos lugares máis significativos na vida da protagonista. A arestora Casa Museo de Emilia Pardo Bazán na rúa Tabernas da Coruña, o Pazo de Meirás e o Ateneo de Madrid son escenarios predominantes, contando tamén con outras localizacións como a Real Academia Española ou o Mosteiro de Poio en Pontevedra.

A trama sitúase a finais do século XIX, coa publicación da novela “A Tribuna” e o volume “A cuestión palpitante”, e a polémica producida por estas obras nos círculos conservadores. É entón cando Emilia Pardo Bazán decide converterse en escritora profesional. A película retrata esta muller que entrou no eido cultural pisando forte e rachando con todo tipo de barreiras sociais, ademais de loitar afervoadamente polo seu lugar como escritora e reivindicar a visibilidade das mulleres nunha época dominada polos homes.

Estrea en TVG

Tras a súa preestrea o pasado mes de setembro no teatro Rosalía de Castro da Coruña, Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde estréase en TVG avalada por catro nomenclaturas aos Premios Mestre Mateo 2012, entre elas á actriz protagonista, Susana Dans, para quen interpretar a Emilia Pardo Bazán “foi unha responsabilidade e unha sorte como actriz”.

Con todo, a película conta xa con certo percorrido. Varias institucións e centros de ensino interesáronse por que A Condesa Rebelde formase parte de diversos actos culturais.

O campus de Ourense presentou Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde na inauguración dun salón de actos bautizado co nome da escritora e o Campus de Vigo usou a película como soporte audiovisual no ciclo “Pioneiras”. O Concello de Oleiros e o Instituto de Ensino Secundario “A Sardiñeira” da Coruña tamén realizaron cadansúas proxeccións para conmemorar o Día Internacional da Muller. Co mesmo motivo, a Dirección General de la Mujer de Madrid organizou o pasado mes de marzo un circuíto de visionados da película nos centros culturais da comunidade. Despois da súa estrea en TVG, A Condesa Rebelde continuará a súa andadura emitíndose nas televisións autonómicas da FORTA e presentándose a festivais de

ámbito internacional.