STEPHEN FREARS, ENRIQUE NICANOR, PETER OLAF, MAIXENCHS, MAZONCILLO… SON ALGÚNS DOS RELATORES QUE PARTICIPARÁN NO II CONGRESO GALEGO AUDIOVISUAL

15 / 11 / 2004

O Comité de Organización do II Congreso Galego Audiovisual aprobou hoxe o Programa que se levará a cabo ó longo deste importante evento, durante os días 16, 17 e 18 de decembro próximos. Este Comité está integrado por 26 membros, profesionais todos eles do sector en Galicia, e que representa á práctica todalidade das actividades que integran o audiovisual.
O Comité de Organización aprobou por unanimidade o Programa

Santiago, luns 15 novembro 2004.- O Comité de Organización do II Congreso Galego Audiovisual aprobou hoxe o Programa que se levará a cabo ó longo deste importante evento, durante os días 16, 17 e 18 de decembro próximos. Este Comité está integrado por 26 membros, profesionais todos eles do sector en Galicia, e que representa á práctica todalidade das actividades que integran o audiovisual.

Persoalidades da talla e recoñecemento internacional como Stephen Frears, Enrique Nicanor (director de United Media e Director de Mastercam, ECAM, que foi tamén o gran innovador de TVE sobre todo da 2ª canle), J. Maixenchs, director da catalá ESCAC, J.M.A. Mazoncillo, catedrático de Ciencias Audiovisuais da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, José M. Costa, director da Cinemateca Portuguesa, Jorge Huguet, responsable de marketing Playstation, ou Peter Olaf, asesor da DR-Televisión e Radio Pública de Dinamarca, ademais de Miguel Túñez, Xosé Cermeño, Manolo Rivas, Suso de Toro, Jorge Coira, Enrique Monteagudo, Pepe Coira, Mabel Rivera, Ignacio Vilar, Luís Tosar, Francis Lorenzo, Fernando Trueba, Antón Reixa… son só parte dos moitos e importantes profesionais do audiovisual que participarán como relatores das ponencias e debates que se levarán a cabo no decurso do Programa que constitúe este II Congreso Audiovisual Galego. Así o espuxeron esta tarde en Rolda de Prensa Manolo Gómez, Presidente da Academia Galega do Audiovisual e como tal, Presidente do Comité de Organización do Congreso, Miguel Anxo Fernández, Vicepresidente da A.G.A. e membro do devandito Comité, Ramón Domínguez, vocal tamén deste Comité, e Carlos Carballo, que representa á CRTVG nese mesmo organismo.

Potencia-lo audiovisual galego

Os participantes na Rolda de Prensa, fixeron especial fincapé na diferencia que vive o sector dende a celebración do 1º Congreso, alá polo 1993, e hoxe. Daquela, dixo Miguel Anxo Fernández, o sector contaba con profesionais emerxentes, con xermes do que hoxe é o sector. Pero actualmente, hai Productoras consolidadas, profesionais da interpretación consagrados, escritores e guionistas, e outros moitos profesionais que demostran que temos tódalas cualidades para sermos unha industria con peso e proxección. No mesmo sentido incidíu Ramón Domínguez, quen ademais lembrou que hoxe estanse debatendo os orzamentos da Comunidade Autónoma, “e non vexo a ningún partido reclamando unha atención xusta, un incremento parello ó que viven os propios orzamentos, en canto á partida orzamentaria para a CRTVG”.

Pola súa parte, Manolo Gómez afirmou que “non nos queixamos da atención prestada até agora, pero é certo que de nada serve declara-lo sector audiovisual como estratéxico na economía galega, se iso non se reflicte logo á hora de distribuí-los orzamentos”.

Os temas do Congreso

Na xuntanza que mantivo o Comité Organizador, aprobáronse definitivamente os contidos das distintas áreas temáticas, seis en total, que conforman unha estructura de congreso no que se da cabida a tódalas iniciativas aportadas mesmo por colectivos ou a título individual. Son seis estas Áreas temáticas que abordará este II Congreso, Áreas que engloban máis de 40 temas que serán abordados ó longo dos 3 días de duración do mesmo a través de Conferencias, Sesións Plenarias e Presentacións. Novos Media (multimedia, tv dixital, vídeo baixo demanda, soportes telemáticos, tv interactiva, vídeoxogos e novos formatos: realidade virtual, 3D), Perfís Profesionais (estudios e cualificacións, demanda de especialidades, formación profesional, estado da formación en Galicia, Acordo de Bolonia, Escola de Arte Dramática Galega, Escola de Cine e Escola de Animación), Contidos (contidos para novos formatos de emisión, coproduccións, contidos en lingua galega, tendencias de mercado e videoxogos), Cadea de valor (dereito de propiedade intelectual, rexistro de produccións, piratería, negocios derivados da rede, financiamento, venda e distribución, merchandising e promoción), Industrias culturais (outros modelos, relación Administración-Empresa, relación entre as industrias culturais, a creación en lingua galega, os mercados, a comercialización, o financiamento e o Clúster e Asociacións Profesionais) e Patrimonio Histórico (patrimonio histórico, modelos de Francia e Irlanda, a posta en valor, as folmotecas, a recuperación da memoria histórica e a dixitaliación e difusión), son estas Áreas Temáticas nas que traballan os distintos Comités que integran a organización deste II Congreso Galego Audiovisual.

A celebración de Encontros e Presentacións Corporativas no ámbito do II Congreso Galego Audiovisual, son parte do programa aprobado polo Comité Organizador deste evento que reunirá a todo o conxunto de profesionais, empresas, institucións e entidades que conforman directa e indirectamente o sector audiovisual galego, e que reunirá en Compostela ós grandes profesionais tanto galegos coma estatais e internacionais.

Un Congreso aberto a todos

Dentro das moitas actividades complementarias que se desenvolverán paralelamente ó programa do Congreso, como son as Comunicacións (os participantes enviaron artigos nos que expoñen os seus traballos encadrados nalgunha das áreas temáticas do Congreso), Pósteres (son unha alternativa ás comunicacións para a presentación de traballos, nos que se inclúen textos, gráficos, imaxes…), poténcianse especialmente a celebración de Encontros e Presentacións Corporativas. Son os propios congresistas os que orga nizan estes Encontros de participantes vencellados por un tema común, para analizalo, tomar contacto con outros profesionais, debater sobre a problemática ou calquera outro tema de interese común. Neste sentido, estiveron especialmente convidados a ter a iniciativa de celebraren Encontros, as asociacións, entidades e organizacións do sector.

En canto ás Presentacións Corporativas, propioise que aquelas empresas e institucións que o desexasen, poidesen solicita-lo espazo e tempo dentro do Congreso, para levar a cabo prsentacións de productos, servizos, iniciativas, produccións ou calquera outro valor que consideraron de interese.

Categoría: Novas
Etiquetas: