SEXTA CONVOCATORIA DAS BOLSAS DE ESTUDOS DO CONSORCIO AUDIOVISUAL DE GALICIA

17 / 04 / 2008

Entre os beneficiarios seleccionados distribuiranse 30.000 ¤ que lles permitirán acceder a cursos especializados no eido audiovisual impartidos en centros de formación de recoñecido prestixio.

Estas axudas son esenciais para os profesionais do sector xa que dende a primeira convocatoria, no ano 2003, o Consorcio recibiu cerca de 200 solicitudes e foron apoiadas 71 actividades formativas.
Dentro do Plan de Promoción do Consorcio Audiovisual de Galicia estas axudas son fundamentais xa que o seu obxectivo é fomentar a formación, co fin de favorecer o desenvolvemento e a consolidación dos profesionais do sector audiovisual galego. A isto hai que sumarlle o grande interese e as numerosas respostas desta convocatoria e os positivos resultados obtidos polos beneficiarios.

Na primeira convocatoria o importe destinado ás bolsas foi de 18.000 ¤, cifra se incrementou nas edicións posteriores ata os 30.000 ¤ actuais, o que permite cubrir, ademais do importe da matrícula, outros gastos relacionados co desprazamento e a estancia dos bolseiros ás cidades onde realizan a actividade pola que lle foi concedida a bolsa.

O anuncio da resolución pola que se convocan estas axudas publícase mañá martes, día 15 de abril no Diario Oficial de Galicia e o prazo de presentación de solicitudes rematará o 16 de maio de 2008.

A selección dos beneficiarios realizarase a través dunha Comisión que poñerá especial atención naquelas actividades que pola súa novidade, interese estratéxico, etc. repercutan máis positivamente no conxunto do audiovisual galego. A Comisión valora, ademais, a traxectoria académica e/ou profesional do solicitante, o recoñecemento tanto no Estado como no estranxeiro do centro de estudos e a memoria na que cada solicitante xustifica a súa solicitude indicando os obxectivos previstos coa realización do curso ou actividade formativa.

As actividades formativas, que se poden realizar en centros do resto do estado ou estranxeiros, deberán rematar dentro do primeiro trimestre de 2009, aceptándose aquelas que comezaran no último cuadrimestre de 2007. Quedan excluídos os cursos on-line, os destinados á obtención dunha licenciatura, diplomatura ou título de doutoramento e os realizados dentro da nosa comunicade autónoma. Tampouco se poderá conceder máis dunha axuda por solicitante.

Estas actividades formativas cobren diversos aspectos do audiovisual; Ata a presente convocatoria as máis solicitadas foron as de interpretación, xestión, dirección cinematográfica e cámara; Aínda que tamén se subvencionaron cursos de fotografía, produción e dirección, documental, guión, dirección escénica, son, etc.

A partir destas bolsas os profesionais do audiovisual beneficiarios puideron formarse en destinos tan diversos como Alemaña, Cuba, Inglaterra, Madrid, Francia, India, Barcelona ou Estados Unidos, entre outros, onde se atopan centros de estudo tan importantes como a New York Film Academy, o Estudio Internacional do Actor Juan Carlos Corazza, a Fundación TVI Actors Studio, a Universidade Pompeu Fabra, o Instituto Nacional do Audiovisual, a Media Business School, a ESCAC ou a Asian Academy of Film & Television.

Categoría: Novas
Etiquetas: