SEQUIN, MALANDRÓMEDA E NOVEDADES CARMINHA POÑEN A MÚSICA EN DIRECTO NO PLAY-DOC

26 / 03 / 2014

Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, que se celebrará do 2 ao 6 de abril, programa este ano de novo a xa tradicional sección Play-Doc Live!, que inclúe concertos e filmes sobre música, procurando os puntos en común entre as dúas artes.

Desta volta, a noite do sábado 5 de abril estará animada por tres bandas, cun concerto na sala Metropol, ás 00.30 horas. Elas son Sequin, Malandrómeda e Novedades Carminha, que presentará o seu novo e popular álbum Juventud Infinita. As entradas, a 7 euros, poderán adquirirse na propia sala durante a celebración do festival, ou en venda anticipada en entradasgo.com.

Sequin supón un descubrimento no contexto español. Esta lisboeta fai un pop electrónico moi persoal, que escapa ás etiquetas. Con ritmos que beben da música tradicional hindú ou o afrobeat, entre outras influencias de carácter cosmopolita, Sequin irá quentando motores para Malandrómeda.

Os seus directos son enérxicos e sen medo ao ridículo, sempre dispostos á experimentación. O rap bailable dos galegos é divertido, enxeñoso e sobre todo moi canalla, un espírito que comparten con Novedades Carminha. Irreverentes coma sempre, con esa factura lo-fi que os caracteriza, nun lugar entre a psicodelia e o punk, os composteláns presentan este ano disco, Juventud Infinita. O seu sinxelo, do mesmo nome, está a recoller boas críticas, e o público dálles boa acollida nos concertos que están a ofrecer estes meses. Con este percorrido, o seu novo disco será, seguro, unha das sensacións musicais do panorama independente do 2014.

Imaxes ao ritmo da música

A sección Play-Doc Live! componse ademais dun conxunto de documentais sobre música. A traxectoria da mítica banda The Doors está recollida en When You’re Strange, do reputado director Tom DiCillo. Narrada polo popular actor Johnny Depp, nela desvélase o lado máis descoñecido do líder do grupo Jim Morrison, un deses solistas malditos do rock, morto con 27 anos, o que fixo acrecentar máis, se cabe, a súa lenda. Os outros tres filmes deste ano son de denominación de orixe galega. 19.06, de Pablo Cuesta e Alejandro Enríquez, recolle concertos sorpresa na rúa, tocados simultaneamente en varias cidades.

Entres os artistas que participan, Raimundo Amador ou Jorge Pardo. Pola súa banda, Galician Hi- Fi, de Bruno Vence, trata as relacións de varios grupos galegos coa Internet, como ferramenta de promoción da súa música. Por último, Agra do Orzán, o barrio dos músicos, de Carmina Escrigas, é un retrato do que o barrio herculino significou como xerador de novas tendencias e ritmos musicais.

Categoría: Novas
Etiquetas: