A XXXIII SEMANA DE CINE DE AUTOR DE LUGO HOMENAXEARÁ AO ACTOR ANTONIO CASAL

13 / 09 / 2011

Quenta xa motores a XXXIII Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, que terá lugar do 18 ao 25 de setembro organizada polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá. Aparte da súa sección oficial e dos seus ciclos de cine infantil e do mellor do ano, o evento dedicará outros aos Beatles e ao cine gastronómico, e homenaxeará ao actor galego falecido nos anos 70 Antonio Casal. En total, exhibiranse no certame máis de 40 obras.

Esta 33ª edición da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo abrirase o 18 de setembro cunha gala adicada ao Alzheimer, toda vez que 2011 é o ano internacional contra esa enfermidade. Exhibirase na sesión o documental Bicicleta, cullera, poma, de Carles Bosch, que relata a loita do ex-político Pasqual Maragall contra o alzheimer. Antes, será protagonista o actor David Soul co pase dun episodio da mítica serie policiaca Starsky y Hutch. E, como antesala da Semana, o pintor lucense Miguel Maciá pintará o día 17 na Praza Horta do Seminario a silueta do Ford Torino de Starksy y Hutch, que se encherá de moedas. A recaudación destinarase a AFALU (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Lugo). Un dos eixes principais do evento será a súa sección oficial, na que se presentarán seis títulos: os españois Aficionados, de Arturo Dueñas, e Todos vós sodes capitáns, de Oliver Laxe, a coprodución entre Serbia e Alemaña La mujer con la nariz rota, de Srdjan Koljevic, a coprodución entre Canadá e Francia Incendies, de Denis Villeneuve, o grego Canino, de Yorgos Lanthimos, e a coprodución entre Francia, Italia e Irán Copia certificada, de Abbas Kiarostami. O público, mediante votación, elixirá a súa película preferida. Tamén se mantén, ao igual que noutras edicións, unha sección infantil, na que se proxectarán seis cintas dirixidas a ese público: El equipo tigre: la montaña de los mil dragones, Dragones: destino de fuego, Winky y el caballo mágico, Lily, la princesa hada, El secreto de la última luna e El pequeño rey Macius. Ademais, na sección “O mellor do ano” exhibiranse filmes como os españois La mitad de Oscar, de Manuel Martín Cuenca, e Madre amadísima, de Pilar Távora, o hispano-estadounidense Encontrarás dragones, de Roland Joffé, o mexicano El estudiante, de Roberto Girault, o arxentino Cuestión de principios, de Rodrigo Grande, e o franco-filipino Lola, de Brillante Mendoza.

Así mesmo, este ano a Semana adicará un ciclo especial a Os Beatles, no seu 50 aniversario, con títulos protagonizados por eles como Qué noche la de aquel día, Help e Yellow Submarine; e programará un ciclo de cine gastronómico no que se exhibirán películas coa cociña como escenario, como Deliciosa Marta, La cena, Bon Appétit, El festín de Babette e Fuera de carta. Ademais, haberá sesións especiais dedicadas ao Xacobeo (con The Way) e o autismo (con Sinfonía de Juliette y Pascal), e exhibiranse curtametraxes como Memorias de un cine de provincias, Porque hay cosas que nunca se olvidan, Xoel y los X-Men, Dum Dum, Campos de luz e Tolemia. Este ano, o evento renderá homenaxe ao actor galego de cine e de teatro Antonio Casal (Compostela, 1910-Madrid, 1974), un dos principais galáns do cine español nos anos 40, co pase de cinco películas nas que participou: El hombre que se quiso matar, Viaje sin destino, La torre de los siete jorobados, La guitarra de Gardel e Camarote de lujo, e tamén renderá tributo á guionista Marta Rivera de la Cruz, coa proxección dunha cinta escrita por ela: La conjura de El Escorial, de Antonio del Real. Outro homenaxe será para o pintor e rotulista Manuel Piñeiro Rodríguez, que colaborou coa Semana durante moitos anos. As proxeccións da Semana concentraranse en boa medida no Auditorio Municipal Gustavo Freire, aínda que algúns ciclos serán na sede da Deputación Provincial (o de Antonio Casal), a Biblioteca Provincial (o de gastronomía), o Vicerrectorado da Universidade (o de The Beatles) e Nova Caixa Galicia (os especiais). Por outra parte, realizaranse outras actividades culturais como espectáculos de maxia, subasta de cadros, exposicións ou actuacións teatrais polas rúas de Lugo.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: