SEMANA ADICADA A GONZALO GARCÍA-PELAYO NO CGAI

29 / 04 / 2014

Durante esta semana no CGAI teremos como convidado ao cineasta andaluz Gonzalo García-Pelayo e proxectaremos ás súas 6 longametraxes. 

Entre as recuperacións de xentes dos anos da transición, estamos asistindo a unha resurrección da estima do cine de Gonzalo García-Pelayo (1947). Figura de proporcións novelescas, logo duns anos en que o estudo das probabilidades do xogo, primeiro os casinos e o mito de “Los Pelayos”, logo o póker, parecían escurecer outras moitas facetas súas -o inquieto produtor musical fundador do selo Gong capaz de lanzar a Triana ou a Lole e Manuel ou de editar o disco sobre Rosalía de Castro de Amancio Prada; o locutor de radio introdutor de músicos latinoamericanos, de cantautores ou de rock andaluz; o cineasta e realizador de televisión; o creativo animador cultural con Sevilla como epicentro- dous certames prestixiosos, Sevilla 2012 e a Viennale austríaca 2013, facían voltar o autor daquela serie de filmes frescos, libres de prexuízos, radicais que se abriron camiño no cine español dos anos 70 e nos primeiros 80. O engadido dunha experiencia fílmica recente, Alegrías de Cádiz (2013), completaba este regreso. Trinta anos despois -o seu último título cinematográfico era Rocío y José (1982)- unha nova xeración reivindicaba o legado de García-Pelayo. O CGAI ofrece as súas seis longametraxes e conta coa súa presenza en dúas das sesións, unha delas na compaña do crítico e programador Álvaro Arroba. 

        

Martes 29 (18.00 horas)

MANUELA

(España, 1975)

Dirección: Gonzalo García-Pelayo. Guión: Pancho Bautista, sobre a novela de Manuel Halcón. Produción: Galgo Films S.A. Fotografía: Raúl Artigot. Intérpretes: Charo López, Fernando Rey, Máximo Valverde. Duración: 102 minutos.

Unha moza, Manuela, está marcada polo asasinato do seu pai, Jarapo, un cazador furtivo, a mans dun terratenente local. Pero Manuela, soa coa nai, exsuda orgullo e beleza, vendendo melóns na estrada de Sevilla. Primeira longametraxe de Gonzalo García-Pelayo, baseada na novela homónima de Manuel Halcón, un relato de paixóns e abusos de poder en Andalucía, arredado do tópico, presidido por unha arrincada histórica –un baile subversivo nun cemiterio– e unha banda sonora memorable, con Lole e Manuel, Triana, Gualberto e Hilario Camacho.    

 

Martes 29 (20.30 horas). Con Gonzalo García-Pelayo e Álvaro Arroba

VIVIR EN SEVILLA

(España, 1978)

Dirección: Gonzalo García-Pelayo. Guión: Miguel Ángel Iglesias, Adrián Vogel, Gonzalo e Javier García-Pelayo. Produción: Za Cine. Fotografía: José Enrique Izquierdo. Intérpretes: Miguel Ángel Iglesias, Ana Bernal, Lola Sordo, Guillermo Méndez. Duración: 108 minutos.

Gonzalo García-Pelayo enlaza por diversos flancos, nunha serie de títulos que se suceden nestes anos, con moitas das preocupacións do momento: a construción dun discurso de identidade emprazado na aparición dunha cultura das nacionalidades (neste caso Andalucía), a posibilidade de empregar usos narrativos máis iconoclastas e unha catártica franqueza sexual. Publicitada como “la película del rollo marginal”.

 

Mércores 30 (18.00 horas). Con Gonzalo García-Pelayo

ROCÍO Y JOSÉ

(España, 1982)

Dirección: Gonzalo García-Pelayo. Guión: Miguel Ángel Iglesias. Produción: Andrés Salvador e Za-Cine. Fotografía: José Enrique Izquierdo. Intérpretes: María José López, Curro Franco. Duración: 102 minutos.

A romaría de Triana ao Rocío co ambiente apaixonado, fervoroso do traxecto. Dous irmáns emprenden o camiño por vez primeira sós. O máis vello, José, coñece a Rocío, e nace unha fermosa historia de amor. Un filme sereno, vibrante, imbuído de música e identidades, por momentos de raíces e tempos fordianos, eloxiado e pouco visto, que clausurou nos 80 a veta fílmica do autor, ata dirixir a recente Alegrías de Cádiz.  

 

Mércores 30 (20.30 horas). Con Gonzalo García-Pelayo

ALEGRÍAS DE CÁDIZ

(España, 2013)

Dirección: Gonzalo García-Pelayo. Guión: Pablo García Canga e Iván García-Pelayo. Produción: Dato-Sur, Enrique Cerezo Producciones Cinematográficas S.A. e Teyso Media Ficción. Fotografía: José Enrique Izquierdo Bouza. Intérpretes: Oscar García-Pelayo, Patricia Galindo. Duración: 120 minutos.

Dous amigos no Entroido de Cádiz. Un xogador de póker e un cantautor namorados da mesma muller, Pepa, chamada como a primeira Constitución española –interpretada por catro actrices distintas para dar unha completa idea da muller gaditana- vanse fundir na ledicia das rúas. Balbordo, diálogos, sucesión de encontros e personaxes singulares, un resumo da obra fílmica de García-Pelayo no seu regreso ao cine logo de 30 anos. Nomeada ao Goya á mellor canción.

 

Venres 2 de maio (18.00 horas)

CORRIDAS DE ALEGRÍA

(España, 1982)

Dirección: Gonzalo García-Pelayo. Guión: Miguel Ángel Iglesias e Romualdo Molina. Produción: Andrés Vicente Gómez para Galgo Films S.A., Intercine e Zas Films. Fotografía: Roberto Ochoa. Intérpretes: Miguel Ángel Iglesias, Paula Molina, Isabel Pisano, Javier García-Pelayo. Duración: 75 minutos.

Miguel, fuxido do cárcere a dous meses de cumprir a súa condena, procura tanto a vinganza como atopar a súa moza Diana. Polo camiño dá con Javier, un trilero extravertido que empresta coche e desvergoña para a causa, e unha prostituta. Outra road-movie e título de culto, amálgama audaz de xéneros marcada pola sucesión de encontros irreverentes e nada tópicos por unha Andalucía fresca e colorista.  

 

Venres 2 de maio (20.30 horas)

FRENTE AL MAR

(España. 1979)

Dirección: Gonzalo García-Pelayo. Guión: José María Vaz de Soto. Produción: Za-Cine. Fotografía: José Enrique Izquierdo. Intérpretes: Miguel Ángel Iglesias, Rosa Ávila, Javier García-Pelayo. Duración: 92 minutos.

A primeira película S de autor do cine español é unha road-movie onde García-Pelayo amosa a viaxe a Chipiona de tres parellas. Polo camiño intercambian política, diálogos -nunha extraordinaria operación retórica e metalingüística- e sexo nunha derruba de convencións, se ben propio do momento, case nunca realizado con tal espírito, libre, xenuíno, sen prexuízos, underground por vocación, xamais por pose.  

Categoría: Novas
Etiquetas: