A Academia Galega do Audiovisual apoia as reivindicacións da asociación de Artistas da Dobraxe (ADA)

19 / 03 / 2024

A Academia Galega do Audiovisual apoia á asociación de Artistas da Dobraxe (ADA) nas súas demandas de actualización do convenio colectivo vixente desde o ano 2006. Compartimos, a continuación, o manifesto no que se recollen as súas demandas.

MANIFESTO

Os profesionais do colectivo da dobraxe en Galicia vivimos desde hai moito nunha situación insostible e ilegal.

Levamos 18 anos cobrando por baixo do que establece a lei, pero chegou o momento de reivindicarmos de forma inequívoca e decidida o noso dereito a que se aplique o CONVENIO COLECTIVO DA DOBRAXE.

A asociación Artistas da Dobraxe Asociados (ADA) conta nesta loita co apoio dos sindicatos CIG, CCOO e UXT, ademais da colaboración da xente do noso sector no resto do Estado e dos compañeiros da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

O convenio de dobraxe en Galicia ten ámbito autonómico e abrangue os dous idiomas oficiais da nosa comunidade. En canto o galego se cobra integramente (co salario de 2006), as empresas da patronal decidiron tornar máis competitivo o traballo en castelán, deixando de retribuír o que está establecido legalmente. Para iso, determinaron non respectar o convenio e pagar, NO MELLOR DOS CASOS, un 25% menos do que deberan.

Un 25% menos do que establece un convenio QUE NON SE REVISA DESDE 2006. Un convenio que se incumpre desde a súa creación. Un convenio que foi asinado pola nosa propia patronal e, acto seguido, denunciado por esta de maneira premeditada para que NON puidésemos percibir as subas do IPC durante os últimos 18 anos. En definitiva, un convenio IGNORADO E VULNERADO.

Desde o empresario máis modesto ata a gran multinacional, ameázannos con fechar se aplican a táboa salarial legal. Isto únese á coacción de que, de non aceptarmos as súas condicións, non nos chamarán para traballar, sementando así o medo entre o colectivo de intérpretes. Entrementres, moitos dos estudios de Galicia invisten nas súas instalacións e aumentan o número de salas con que contan.

Tanto os traballadores da rama artística, da rama técnica, persoal de producción e administración, traductores e axustadores e persoal de limpeza estamos fartos de ser o sostén de empresas que non deixan de crecer e investir nun sector que está en continuo auxe como é o audiovisual. Vémonos afectados polo desequilibrio que se está producir: mentres as nosas condicións laborais se depauperan, as empresas aumentan a súa produtividade, enriquecéndose á conta do noso esforzo.

Tras varias tentativas de negociación, sempre da nosa parte, non chegamos a acordo ningún. Por iso, desde este momento, vémonos na obriga de denunciar publicamente a situación. Facemos un chamamento á sociedade e á administración pública para nos apoiaren nesta loita.

NON Á NOSA CONTA, PATRONAL. XA NON ESTAMOS DE OFERTA.

Non imos dar un paso atrás ata que se CUMPRAN AS NOSAS REIVINDICACIÓNS:

— Exiximos cobrar o convenio colectivo de dobraxe da Comunidade Autónoma de Galicia. A dobraxe ao castelán debe pagarse como dita a lei, pois os actores e actrices facemos o noso traballo coa máis absoluta profesionalidade e cariño. Igual que cando traballamos en galego.

— Exiximos que haxa TRANSPARENCIA nos datos. Queremos que as empresas deixen de amañar as contas para que pareza que nos pagan por convenio cando non é así.

— Exiximos que se faga unha ACTUALIZACIÓN do convenio de 2006 que afecte ás dúas linguas e que nos permita vivir dignamente.

— Exiximos RESPECTO para esta digna profesión e para os traballadores e as traballadoras que a desempeñamos.

Os actores e as actrices da dobraxe en Galicia sabemos que esta é unha profesión fermosa pero tamén dura. Somos conscientes e asumimos os riscos. Non temos garantido un salario a fin de mes, non hai vacacións pagas e as baixas supóñennos a perda de traballo. Cobrar o que os empresarios queren para manter os seus beneficios non pode ser un risco máis.

Queremos que se respecte a lei, porque a vida sobe e a paciencia se acaba.

Como dicía CASTELAO: “DENANTES MORTOS QUE ESCRAVOS”.

 

Descarga o manifesto AQUI.

Fotografía: Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG)

Categoría: Novas
Etiquetas: