O AUDIOVISUAL GALEGO, MOI PRESENTE NOS PREMIS GAUDÍ

18 / 01 / 2011

O Audiovisual Galego contou con gran presenza na gala dos Premis Gaudí que se celebraron o pasado luns en Barcelona.  ‘Els caps de drap ao país on sempre brilla o sol’, “A tropa de trapo” en galego, gañou na categoría de mellor película de animación mentres que o director galego Rodrigo Cortés gañou coa súa longametraxe “Buried” o premio á mellor película de lingua non catalana e á mellor montaxe. No acto de entrega dos premios a Academia Galega do Audiovisual contou con presenza nos mesmos.

‘Pa Negre’, un drama rural ambientado na Cataluña da posguerra, foi, con 13 galardóns, a absoluta triunfadora nos III Premis Gaudí, ao conquistar os de mellor película, mellor director (Agustí Villaronga) e mellor actriz protagonista (Nora Navas). Os premios da Acadèmia do Cinema Català (ACC) entregáronse no transcurso dunha gala no teatro Artèria Parallel que recoñeceu a Eduard Fernández como mellor actor por ‘A Mosquitera’, sendo este o único premio que recibiu o filme do cinco aos que optaba.

O documental de Carles Bosch sobre a loita do ex presidente da Generalitat Pasqual Maragall contra o alzheimer, ‘Bicicleta, Cullera, Poma’, levouse o premio ao mellor documental. ‘Buried’, a angustiosa loita de Ryan Reynolds por escapar dun cadaleito que dirixiu Rodrigo Cortés, gañou o de mellor película en lingua non catalá e converteuse na película catalá máis internacional do ano, amplamente distribuída en Estados Unidos.

‘Pa Negre’, baseada no libro de Emili Teixidor, varreu en todas as categorías artísticas. Roger Casamajor e a novísima Mariña Comas gañaron nas de actores secundarios-, e tamén se premiou a música de José Manuel Pagán e a dirección artística de Ana Alvargonzález. Tamén gañou a mellor dirección de produción (Àlex Castelló) e triunfou nas técnicas: son (Dani Fontrodona, Fernando Xato e Ricard Casals), maquillaxe e perruquería (Satur Merino e Alma Casal), vestiario (Mercè Pomba) e fotografía (Antonio Riestra).

O éxito sitúaa en moi boa posición de cara aos Goya, nos que está nomeada en 14 categorías, tan só unha menos que ‘Balada triste de trompeta’, de Àlex de la Iglesia, o que propiciou que volva estrearse en cinemas de toda España. A ‘Pa Negre’ só se lle escapou o premio á mellor montaxe, que levou o citado Rodrigo Cortés con “Buried” e o dos mellor efectos especiais, que recoñeceu o traballo de José María Aragonés en ‘Viatge Màgic a Àfrica’.

O éxito da película de Villaronga eclipsou ás súas competidoras; xa que filmes como ‘Herois’, que partía como favoritas con 10 nomeamentos, fóronse sen nada, igual que ‘Os Ollos de Julia (seis nomeamentos) e ‘Elisa K’ (cinco). ‘A cinta branca’, de Michael Haneke, levouse o galardón á mellor película europea; e ‘Quatre estacions’, de Marcel Barrena, o de mellor película para televisión. ‘Lles bessones do carrer de Ponent’, de Marc Riba e Anna Solainas levouse o premio á mellor curtametraxe.

Na gala, presentada polo actor Quim Masferrer e de estética tecnolóxica, tamén se entregou o único galardón que xa se coñecía de antemán, o Premio Gaudí de Honra ao actor Jordi Dauder. Entre os 700 invitados á gala estaban o presidente da Generalitat, Artur Mas, e o conseller de Cutura, Ferran Mascarell, que ao comezo da gala foron branco das bromas de Quim Masferrer, o presentador.

Categoría: Novas
Etiquetas: