A Puerta Fria, a película dirixida por Xavi Puebla e protagonizada por Antonio Dechent e María Valverde, fíxose a pasada noite co galardón á mellor película da Sección Oficial do que é o I Festival de Cine e TV Camiño de Santiago. Un premio, que como xa se anunciou, está dotado de 10.000 € e que se deu a coñecer xunto ó resto de galardóns durante a Gala de Clausura do I Festival de Cine e TV Camiño de Santiago.

A Puerta Fria tamén obtivo outro galardón, o de mellor actriz a María Valverde, polo seu papel na película e que decidiu por unanimidade o Xurado do certame.

O premio ó mellor actor foi para Dario Grandineti, polo seu papel en Inevitable, do director galego Jorge Algora, que tamén se fixo esta pasada noite co Premio do Público, fronte ás 7 películas restantes que entraban na Sección Oficial.

A Gala de Clausura, que tivo lugar no Auditorio NovaCaixa Galicia, estivo presentada por Manuel Manquiña e Iolanda Vázquez e acolleu a algúns rostros coñecidos do mundo do cine, da TV e das artes escénicas de Galicia.

Durante a mesma, tamén se entregaron o resto de galardóns xa anunciados:

  • Traxectoria Audiovisual, que nesta primeira edición se lle concedeu á actriz María Pujalte por toda a súa traxectoria tanto no cine, coma na TV. A actriz agradeceu moi sinceramente este recoñecemento e estivo presente a traves dun vídeo. No seu nome recolleu o galardón o actor Víctor Mosqueira.
  • Mellor Serie Nacional, que este ano se lle concedeu a GRAN HOTEL, producida por Bambú Producciones, que lidera Ramón Campos para Antena 3 y que contou coa presenza de Gemma Rodríguez Neira, directora de desenvolvemento de guións de Bambú Producciones, e os actores Pep Muñoz e Antonio Reyes. 
  • Estela Solidaria, que nesta edición recae sobre a Asociación AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios) polo seu traballo “As outras voces de Israel e Palestina”, dirixido por Luisa Pérez Puga, membro desta asociación.
  • Premio Estela Xacobea, un galardón máis que a organización do Festival lle concede a un autor ou autora dunha obra audiovisual relacionada co Camiño de Santiago. Nesta I edición o premio recae na directora estadounidense Lydia Smith polo seu traballo “Buen Camino. Seis peregrinos y un destino”.

Este festival, que nace con vocación de consolidarse e de insistir en que o cine e o audiovisual son un ben común cultural necesario na sociedade actual, reivindica os festivais coma un lugar de encontro da cultura, de intercambio de ideas, para o cine que non ten cabida e para darlle tamén a difusión que se merece en moitas salas comerciais; un cine especial, de autor e que sobrevive pese a todo.

Nestes cinco días puidéronse ver un total de 25 traballos: 8 películas dentro da Sección Oficial; 5 traballos de directores galegos que integran a sección Rodados en Compostela; 4 películas documental sobre o Camiño de Santiago, que da título ó Festival; 3 películas que integran a Sección Aula de Cine, para colexios en colaboración con Filmax; 4 traballos de directores de curtas e autores de series web en Galicia que integran a sección Promoción Talento Galego; e, finalmente, o documental que este ano se levou o premio Estela Solidaria, “As outras voces de Israel e Palestina”.

Unha mostra que se pecha cun balance positivo e de buscar asentarse na capital galega para afianzar cada ano máis públicos e coa vocación de ofrecer novas oportunidades para achegar traballos cinematográficos que non é tan habitual atoparse nos circuítos comerciais. Así, con esta I edición do Festival de Cine e TV Camiño de Santiago, a organización do Festival intentou ofertar un bo cine español, a bo prezo e que o público pase un bo rato, san e nutritivo.