A Academia Galega do Audiovisual presenta a última colaboración neste 2013 coa Acadèmia del Cinema Català coa proxección das curtametraxes dos Premis Gaudí e dos Mestre Mateo.

Deste xeito, hoxe luns día 11 de novembro ás 17.00h no Teatro Zorrilla dentro da programación do Festival Filmets, proxectaranse curtametraxes de imaxe real e animación nomeadas nos XI Premios Mestre Mateo: “Conversa cunha muller morta”, de Sonia Méndez, gañadora; “Anacos”, de Xacio Baño; “Mr. Smith and Mrs. Wesson”, de Producións de fin de semana e Aira Studio; “As vacacións do verdugo”, de Miriam e Sonia Albert Sobrino, todas de imaxe real; e as de animación  “O Xigante”, de Abano Producións e Pilot Design; “Equilibrium”, de Algarabía Animación; “Morti”, de Moonbite Games S.L. e Continental Producciones S.L.; “Only You” de Belén Sousa.

Pola súa banda, o mércores día 20 de novembro será o CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe, A Coruña) quen acolla a exhibición das curtas nomeadas nos V Premis Gaudí: “Luisa no está en casa”, de Celia Rico; “Elefante”, de Pablo Larcuen; “Coup de Grace” de Clara van Gool; e “Cartas desde la locura” de Xavi Puebla.

A entrada a ambas sesións é gratuíta ata completar aforo.