PROXECCIÓN DE REGRESO AO FUTURO NO MACUF

25 / 10 / 2013

Mañá sábado, día 26 de outubro ás 18.00h proxectarase dentro do ciclo de Cine Familiar que programa o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa de A Coruña, “Regreso ao Futuro”. A entrada é libre ata completar aforo. Regreso ao futuro. O adolescente Marty McFly é amigo de Doc, un científico ao que todos toman por tolo. Cando Doc crea unha máquina para viaxar no tempo, un erro fortuíto fai que Marty chegue a 1955, ano no que os seus futuros pais aínda non se coñeceran. Despois de impedir o seu primeiro encontro, deberá conseguir que se coñezan e casen; do contrario, a súa existencia non sería posible. Unha película pola que non pasan os anos. Dá igual as veces que se haxa visto, as desventuras de Michael J. Fox brillan como o primeiro día.

Ciclo de Cine Familiar. Este ciclo pretender recuperar o extraordinario hábito de acudir en familia ao cine, nuns tempos en que internet e as novas pantallas de ipads e tablets individualizaron o acto de compartir unha película. Nós reivindicamos que o cine debe verse en compañía e ás escuras, rodeado de estraños. Para iso, recuperaremos clásicos atemporais como “O mago de Oz”, éxitos descomunais como “Os Goonies” ou “Superman” e novos fitos do cine infantil como “Onde viven os monstros” ou “Os mundos de Coraline”. Un ciclo onde fomos moi esixentes ao facer a selección duns títulos que posúan valores universais e sobre todo unha gran calidade cinematográfica. Pensamos nos máis pequenos da casa, pero tamén nos maiores que os acompañarán. Grandes películas de hoxe e de sempre para gozar en familia.

Non se poderá acceder á sala de proxección con comida ou bebida.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: