PROXECCIÓN DE COLOR PERRO QUE HUYE, DE ANDRÉS DUQUE

11 / 06 / 2013

Dentro do ciclo de cine documental español actual “Derivas do real” que está a organizar o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa de A Coruña, mañá mércores 12 de xuño ás 20.00h proxectarase o filme Color perro que huye, de Andrés Duque. A entrada é libre, aforo limitado.

O concepto “cine” está a cambiar ao mesmo tempo que o noso presente, onde o fluxo e as fontes das imaxes se multiplicaron. En concreto, o cine documental é hoxe por hoxe unha das súas parcelas máis fascinantes, en continua mutación e propón ao espectador novos desafíos fronte ao que está a ver. Actualmente, o xénero vive no noso país unha auténtica idade de ouro, onde as películas de, entre moitos outros, José Luis Guerín ou Isaki Lacuesta, se pasean por festivais de medio mundo acaparando premios e recoñecementos. Con este ciclo queremos radiografar o presente do documental español con catro títulos que se caracterizan por formular máis preguntas que respostas sobre como contar unha historia e sobre a propia natureza das imaxes. Todas elas son propostas diverxentes en forma e fondo pero converxentes na súa excepcional calidade.

12 de xuño de 2013, ás 20.00 horas

Color perro que huye (2010) Andrés Duque

Título fundamental dun dos nomes máis importantes do actual cine de vangarda. Unha sorte de autobiografía realizada a través dunha colaxe de imaxes e sons de diversa procedencia que acaban derivando nunha proposta de gran coherencia interna. Título clave para entender o presente do audiovisual de creación.

Categoría: Novas
Etiquetas: