A Fundación Vicente Risco proxecta este venres, día 22 de agosto ás 22h “O acomodador e outras narracións” de Marcial Suárez, na Casa da Cultura de Allariz. Deste xeito súmase aos actos do XXV aniversario do inicio do cambio en Allariz coa proxección de cinco relatos tirados da coñecida obra de Suárez.

En 1997, un ano despois do seu pasamento, o Concello de Allariz decidiu renderlle una máis que merecida homenaxe a Marcial Suárez, un dos seus ilustres veciños.

Quíxose daquela darlle un carácter popular a tal celebración e decidiuse teatralizar cinco contos, tirados da ducia e media que conforman “O acomodador…” e representalos nos escenarios orixinais: A fonte da Barreira, O desertor, Xogos prohibidos, As cen caldeiras e O acomodador. Preto de cincuenta actores e actrices, todos eles veciños de Allariz, foron levando ó público asistente de escenario en escenario ata rematar no vello cine da Praza de Abaixo recuperado temporalmente a tal fin.

Antonio Blanco seleccionou e adaptou os textos, Xian Bobillo encargouse da dirección artística, mentres que Potota Oro e Juan Seara gravaron as imaxes.

Dezasete anos máis tarde a Fundación Vicente Risco ten promovido a dixitalización e actualización desta gravación coa que os asistentes poderán gozar e revivir na Casa da Cultura de Allariz.