Ciclo sobre primeiras obras de directores italianos hoxe consagrados comisariado pola docente e historiadora Daniela Aronica. Conta co patrocinio da Embaixada de Italia en Madrid. Seleccionáronse este ano oito operas primas, estreadas a partir de 2000 e inéditas en España, de directores que se converteron en autores punteiros do renacido cine italiano contemporáneo (Sorrentino, Vincenzo Marra, Daniele Vicari). Completan o programa dous documentais.

Quérese abrir unha xanela sobre unha produción que, á hora de exhibirse, ten dificultades maiores que as que viñemos describindo. Pero é xustamente no chamado cine do real onde se aprecian algunhas das máis destacadas novidades no terreo da construción da mirada cinematográfica contemporánea, que moito cine mainstream xa é incapaz de inventar.

Estamos ante unha nova xeración de cineastas que deixaron de mirarse o embigo para confrontarse coa realidade e poñer, se cabe, o dedo na chaga. Daniele Gaglianone, Francesco Munzi, Salvatore Mereu, Francesco Patierno, Luca Vullo tamén pertencen a este novo batallón de realizadores que non ten medo á hora de retratar o lado escuro do Bel Paese. Coas súas películas destapan unha realidade fragmentada, “periférica”, cando non marxinal, en crise. E son capaces de mirarse ao espello sen disimulos. Lonxe de todo estereotipo. Sincera e descarnadamente.

“Inutilmente o espectador buscará nestas obras os lugares da Italia mítica dos anos da dolce vita. As películas deste ciclo, no seu conxunto, representan a complexa realidade italiana actual e, á vez, as inquietudes que nos preocupan como individuos. A través delas, intentamos debuxar unha paisaxe que oxalá poida dialogar, na distancia, coa das cidades nas que se exhibirán” asegura Daniela Aronica, directora do Centro di Studi sul Cinema Italiano.

Fichas das películas: www.cgai.org