A Academia alédase poder presentar o Wikiproxecto do Audiovisual para crear e mellorar artigos na enciclopedia en rede galega, e así completar a información do noso sector grazas ás achegas dos usuarios.

Tras o Wikimaratón do Audiovisual celebrado o pasado mes de novembro en Pontevedra, acordouse crear este proxecto para unha maior visibilidade do sector audiovisual e facer da Galipedia unha fonte de referencia para a consulta de datos sobre as obras e producións galegas.

Ademais tamén nos gustaría que propuxésedes unha lista de artigos ou temas a crear ou mellorar no Wikiproxecto e así ir animando á xente a facer achegas nos mesmos.

Galipedia

O proceso é igual que para editar calquera outra entrada na Galipedia:  poñedes no voso navegador o enlace á portada da mesma https://gl.wikipedia.org/ e seguides as instrucións para incluír novos datos ou para actualizar entradas antigas. É importante ler as normas de edición, como por exemplo,  non editar cada un os seus propios datos e asumir que unha enciclopedia debe estar escrita desde a neutralidade e con datos veraces e comprobados. Aínda que non é necesario, os responsables da enciclopedia en rede aconsellan abrir unha conta de usuario na mesma e comezar despois a subir contidos.

Deixámosvos tamén o enlace ao proxecto: https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Wikiproxecto_Audiovisual_galego