PRESENTACIÓN LOST&FOUND: ARQUIVOS (RE)COLECTADOS DO (S8)

2 / 06 / 2014

O proxecto LOST & FOUND xorde dos vestixios do terremoto que aconteceu en marzo de 2011 en Xapón. Promovido por Munemasa Takahashi, ten a intención de recuperar as fotografías dos álbumes familiares que se perderon tras o tsunami orixinado polo forte sismo, responsable da catástrofe da central nuclear de Fukushima. Na súa dramática beleza, chea de novas texturas e cores ocasionadas pola corrosión, estas fotografías son unha homenaxe á vida que fai reflexionar sobre a importancia da recuperación de arquivos domésticos e sobre as identidades creadas a través das imaxes.

Coa exposición LOST & FOUND. ARQUIVOS (RE)COLECTADOS, NORMAL achégase á cultura xaponesa e á intensa relación coa natureza que caracteriza á sociedade nipona por medio de oito propostas artísticas inéditas. Cocinanegra, Héctor Francesch, Xisela Franco/Anxela Caramés, Ruth Montiel Arias, María Prada, Miguel Prado/Taku Unami, Cristina Sánchez/Nieves Neira e o eSe8 (Ana Domínguez/Ángel Rueda) reflexionan acerca do impacto do terremoto que asolou a costa do Pacífico na rexión de Tōhoku, reinterpretando as fotografías atopadas nesa rexión de Xapón a través da súa propia linguaxe creativa.

 

RUTH MONTIEL ARIAS

, , (Auga, veneno, camiños)

A peza parte de Tōhoku e as súas xentes, dunha rexión que non esquece e continúa, dese pobo que inspirou ao gran Matsuo Bashō. Fala dun país que convive cunha natureza hostil, dun pobo que cun tremor cae, mais que volve levantarse con máis forza unha e outra vez.

A obra de Ruth Montiel Arias fala sobre a perda da natureza, do espazo, do simbolismo e do individuo, sobre a perda de dereitos. A presenza estética do ancestral, o incorpóreo e o ascético son os eixes sobre os que reflexiona para falar da evolución antropolóxica dos nosos valores éticos. Trata estas cuestións a través de instalacións e intervencións en espazos naturais e urbanos, cun enfoque relacional no que o efémero dos materiais e o seu devir subliñan a confrontación do inmutable e do pasaxeiro, mentres que nas súas fotografías realiza unha procura constante da perpetuidade a través do aparentemente cotián.

 

XISELA FRANCO + ANXELA CARAMÉS

Hyohakusha (camiñante sen rumbo)

Fluíndo e ao encontro co azar, ao igual que a viaxe que emprendera Bashō para escribir Oku no Hosomichi, a peza evoca as vivencias de xaponeses que residen en Galicia, a modo de haikus audiovisuais nos que se entremezclan ambas culturas.

Cautivadas pola expresividade e a poética do medio audiovisual, así como fascinadas pola técnica analóxica, en concreto polas posibilidades do tomavistas de Súper 8, Xisela Franco e Anxela Caramés deciden traballar xuntas por primeira vez. Fusionan as súas experiencias e os seus intereses no cine-arte, nun intercambio de imaxes en movimento, fotografías e textos. Xisela é cineasta, formada con Phil Hoffman, referente do cine-diario canadiense. Empregando a mirada documental, investiga sobre as posibilidades do cine de exposición. Anxela é historiadora da arte, con formación en audiovisual e estudos de xénero. Investiga sobre unha posible ollada feminina na arte.

 

HÉCTOR FRANCESCH

Alén

Instalación que recrea un pequeno universo ao redor do Hinomaru (o disco solar da bandeira xaponesa). Quere representar a transcendencia da traxedia centrándose nas individualidades das vítimas, xa que cada persoa é un mundo.

Pintor fascinado polas imaxes, o traballo de Héctor Francesch consiste en fabricalas baixo unha estética influída polo que lle tocou vivir. Interésalle ser un artista do seu propio tempo, partindo da súa experiencia vital. É froito da cultura de televisión, dos tebeos e os debuxos animados, do skate e os xoguetes que máis lle gustaban. Agora experimenta as redes sociais, o exceso de información, as crises e os avances da tecnoloxía. Aborda a contemporaneidade con humor e ironía, para que sexa máis fácil de dixerir, liberándoa do peso negativo que adoita xerar. A súa obra é unha ferramenta para rir, mesmo cando conta cousas serias.

 

COCINANEGRA

Para non ver

Obxectos-caixa que xogan sutilmente coa visibilidade da obra activando imaxes interiores. Quizáis a manobra de contar historias, de inventalas, permítenos ser libres: sen a necesidade de ver.

Cocinanegra é o proxecto artístico e vital – inédito ata agora – dos artistas Luis Rapela e Špela Trobec. Consiste nun work-in-progress en evolución, acumulando obxectos encontrados do mesmo xeito que os arquivos dos forenses están en constante ampliación. A morte, a descomposición, a fugacidade, o desenvolvemento natural do desvanecemento ou o proceso do envellecemento en continua transformación están presentes. De xeito lúdico, tratan temas como a destrución, a dexeneración e a corrupción na sociedade de consumo, xunto coas pequenas ironías da vida.

 

MARÍA PRADA

A lección de Tōhoku

Esta peza escultórica fala dun estado de ser fronte ao caos, utilizando o papel como contedor de imaxes e como imaxe tamén en si mesmo.

Con formación en arquitectura e belas artes, María Prada investiga sobre as estratexias para desfacer a evidencia do mundo en torno á relación entre as imaxes e o seu soporte. Namorada da cultura xaponesa e do origami, emprega o papel como soporte tridimensional para imaxes que elabora ou extrae dos medios impresos. Transitando entre a imaxe plana e o contexto espacial da súa contemplación, nega as certezas asumidas sobre a mirada e devolve aos espectadores a conciencia sobre o coñecemento propio da nosa ollada.


PROGRAMA ACTIVIDADES

30 / 05

Inauguración da exposición

MUNEMASA TAKAHASHI, director de LOST&FOUND, realizará unha breve charla informativa sobre o proxecto. Explicará o proceso de recuperación dos arquivos fotográficos domésticos e as súas consecuencias a nivel social e político.

Horario: 20h

9-12 / 06

Obradoiro de artista

HÉCTOR FRANCESCH

O método Frankenstein

Este obradoiro consiste na creación de imaxes, personaxes e escenas co método do collage logo do redebuxado por enriba, de maneira que non se perciban as capas. Organizarase unha visita ao taller do artista.

Horario: 16-19h (12 horas total)

17-18 / 06

Obradoiro de amigurumi

LANATERAPIA CON ANA LUACES ARAQUE

Multiplicado por 6

Un amigurumi é un boneco tecido mediante a técnica de crochet. En Xapón, ademáis dun pasatempo, forma parte importante da cultura do kawaii (tenro), co obxectivo de alimentar o espírito de quen o posúe, pois cren que teñen alma, converténdose en compañeiro e protector para sempre do seu dono.

Neste obradoiro aprenderanse as bases para utilizar o ganchillo, creando divertidos amigurumis con dous sinxelos patróns, que coa axuda da imaxinación e un pouco de práctica, poderán chegar a ser todo o complexos que se queira. Lanas por cortesía de DMC.

Horario: 16-20h (8 horas total).

A pasión de Ana Luaces Araque son os fíos, as agullas e as lanas. Con 9 anos aprendeu a bordar, aos 14 anos xa sabía ganchillar e aos 19 comezou coa calceta. En 2013 abriu a tenda Lanaterapia, onde organiza obradoiros para aprender a calcetar, ganchillar e para crear personaxes. Reciben encargos para a elaboración de bonecos personalizados, con patróns propios creados para cada un.

26 / 06

Activación sonora

MIGUEL PRADO

(en colaboración con TAKU UNAMI)

Catastrophe Walk

Performance sonora que trata sobre unha camiñada de varias horas, desde o traballo á casa, tras a catástrofe de Fukushima. A procesión, a pé, cara ás súas casas; Tokio retrocedendo no tempo. “O que estamos experimentando é só a percepción do aumento de velocidade dun horizonte local, un simple espasmo clinicamente morto en lugar dunha aceleración navegable, dun proceso experimental de descubrimento dentro dun espazo universal de posibilidades. É esta última forma de aceleración a que consideramos esencial” (Alex Williams, Nick Srnicek).

Horario activación sonora: 10-22h

Horario performance: 21h

Duración: 40 min

Miguel Prado é artista e músico experimental. As súas creacións poden rexistrarse en forma de audio, visual e escrita. A súa traxectoria vital desde o seu nacemento, cos seus feitos logrados e os seus fracasos, é significativa para comprender o seu traballo. Explica os seus actos con arranxo ao contexto social, cultural e político da época, intentando reconstruír documentalmente o seu pensamento e figura. Taku Unami é un artista, músico e compositor xaponés.

 

17-18 / 07

II Encontro para a Creación dun Arquivo Común de Cine Doméstico

PROXECTO SOCHEO, FILMOTECA DE EXTREMADURA, MEMORIAS CELULOIDES,

CARLOS TMORI, CLARA SÁNCHEZ-DEHESA GALÁN

O I Encontro, celebrado en Murcia, serviu para poñer en contacto aos colectivos e persoas interesadas para comezar a traballar en rede. Falouse arredor do cinema doméstico, entendido como un dos materiais máis importantes da memoria audiovisual das últimas décadas e incidiuse na importancia de preservalo. Nestas películas amateur é posible achegarse á vida íntima do pasado, ao cotián e ao persoal fronte as grandes narrativas das producións cinematográficas profesionais. O II Encontro quere seguir compartindo coñecementos e unificar criterios e esforzos na catalogación e recuperación do cine doméstico.

Serán dúas xornadas de traballo para profesionais. Na última sesión, aberta ao público en xeral, farase unha pequena presentación dos proxectos e unha mostra de materiais recuperados.

Horario: 10-14h e 16-20h (8 horas total)

Proxecto Socheo (Galicia). Iniciativa para a localización, estudo e inventario das imaxes rexistradas por afeccionados na contorna da Garda e o Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar o patrimonio audiovisual e proxectalo.

Filmoteca de Extremadura. A Mirada dos Extremeños. O arquivo de Cine Familiar e Amateur é un proxecto da Filmoteca de Extremadura para a recuperación, conservación e difusión do patrimonio cinematográfico da rexión, centrado principalmente en películas de Cine Non Profesional (Súper8, 8mm, Pathé Baby e 16mm).

Memorias Celuloides (Murcia). Arquivo de Cine Doméstico desenvolvido por Medusa Mediación, Retrovisor e o CENDEAC, cuxa labor é a recuperación, catalogación e posta en valor deste material co fin de facelo accesible a educadores, investigadores e creadores que incorporen ao coñecemento colectivo micornarrativas e a historia da vida cotiá.

Carlos Tmori. Licenciado en Belas Artes e Comunicación Audiovisual. É o responsable do Día internacional do cine/vídeo doméstico de Salamanca, un evento anual adicado ao cine/vídeo realizado por afeccionados, que supón unha oportunidade para compartir as propias películas familiares e persoais.

Clara Sánchez-Dehesa Galán. Diplomada en Conservación e Restauración de Documentos Gráficos pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Madrid.

 

23 / 07

Performance butoh-instalación audiovisual

CRISTINA SÁNCHEZ / NIEVES NEIRA / HENRIQUE LAMAS

Pindo

Partindo do Monte Pindo, esta obra quere ser un proceso de investigación que converxa nun escenario, no que os elementos principais son a danza e o vídeo.

Investigación sobre o espazo a través de entrevistas, viaxes e documentos. Investigación sobre o corpo a través da danza butoh: o corpo pode traducir a natureza, incorporar as súas imaxes até facelas movemento ou quietude, até converterse nunha paisaxe. O reto é colocar a danza no ir e vir entre nós e o mundo, na súa fluencia, nas súas fracturas.

Vídeo: Henrique Lamas.

Cristina Sánchez e Nieves Neira pertencen ao Colectivo Tanuki, que centra o seu traballo na relación entre corpo-espacio e performance-instalación. Tamén colaboran na Asociación 3monos para a promoción das artes escénicas, na que é central a práctica e difusión do butoh. A súa formación abarca o xornalismo, a literatura, a fotografía e a danza, disciplinas que se conectan nunha indisciplina na que buscan a súa propia linguaxe escénica. Neste momento, o seu interés xira en torno á paisaxe, ao seu vaivén entre o visual e o corpóreo, á súa tradición oral e aparente naufraxio.

 

11 / 09

Performance Cine Expandido Doméstico

eSe8 (ANA DOMÍNGUEZ+ÁNGEL RUEDA)

Performance de cine expandido realizada por Ana Domínguez e Ángel Rueda, onde as imaxes domésticas en súper 8 alcanzan unha nova dimensión a través da proxección múltiple e o collage cinematográfico realizado en tempo real.

A asociación cultural eSe8 ten como fin a recuperación, investigación, promoción, difusión e xestión do patrimonio audiovisual, fotográfico, sonoro e artístico, así como a produción audivisual. Organiza eventos con contidos culturais arredor da recuperación e a difusión de arquivos fílmicos e fotográficos, así como actividades didácticas, dirixidas a colectivos, entidades públicas ou privadas.

Categoría: Novas
Etiquetas: