O Centro Galego de Artes da Imaxe presenta mañá martes día 29 de maio (20.30 horas) o libro Después del cine. Imagen y realidad en la era digital de Ángel Quintana, profesor e crítico cinematográfico, coa presenza do propio autor. A presentación irá seguida da película de Jafar Panahi This is not a film (2011). Después del cine. Imagen y realidad en la era digital reflexiona sobre as transformacións tecnolóxicas e aparece editada por Acantilado.  A entrada é de balde.     THIS IS NOT A FILM

Jafar Panahi, coa colaboración de Mojtaba Mirtahmasb, 2011. 75’.
Sen poder filmar, escribir ou saír da casa, o director iraniano Jafar Panahi agarda o veredicto do tribunal de apelación. Sen crebar de todo as barreiras impostas, anímase a narrar en primeira persoa o momento que transita, a espera e a posible realización de proxectos futuros. Un desafío, unha queixa, unha toma de posición e unha declaración de principios; todo nun filme que anuncia non ser tal. Como filmar e non facer unha película? Como conseguir non infrinxir a lei? A cámara do amigo Mojtaba Mirtahmasb axuda a afrontar a condena xa confirmada de seis anos de prisión. Lenda ou realidade, o traballo chegou a Cannes a través dun lapis USB agochado.