“Pode ser” foi realizada no IV Festival On&Off de Ribadeo, grazas á subvención da Consellaría de Cultura a través da Axencia Audiovisual Galega. Proxectarase mañá sábado no I Festival a Madama de Sanxenxo e o domingo no programa televisivo Onda Curta.
A nova curtametraxe, “Pode ser”, da produtora Mr Misto Films e do director coruñés Carlos Seijo volve a ser noticia unha semana máis, por mor, da dobre exhibición que se realizará esta fin de semana da mesma, interpretada polo cantante e actor Tonhito de Poi e a inesgotable Camila Bossa.

A primeira realizaráse o sábado 21 ás 9 da noite no auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo co gallo do I Festival da Madama. A curtametraxe é unha das convidadas de excepción deste novo certame que se convertirá nestes días “no mellor escaparate do bo facer das mulleres que contan historias en imaxes e dos que fan ás mulleres protagonistas desas historias”, como o fixo Seijo con esta artística peza, onde ademais da dirección asumíu os postos de guionista, músico e postprodutor de imaxe.

A segunda cita será o domingo de madrugada, ás 01:15, no programa da TVG, Onda Curta, momento no cal se poderá visionar a curtametraxe, gravada no IV Festival On&Off o pasado mes de agosto,e escoitar, da man do director e dos interpretes de Pode ser , as principais claves para comprender o particular universo da obra así como as anécdotas acontecidas ao longo do proceso de produción.

Pero é que ademais “Pode ser” segue a ser protagonista no Visual Sound de Barcelona, un prestixioso certame audiovisual, onde a creación do director Carlos Seijo foi a única galega seleccionada.