Play-Doc, Festival Internacional de Documentais, é un festival independente, cuxos principais obxectivos son achegar ao público un cinema esencial e de difícil acceso, e xerar espazos para o diálogo e o intercambio. Cada ano, Play-Doc ofrece unha coidada selección das últimas tendencias do cinema documental a unha audiencia aberta, heteroxénea e numerosa.

Situado na cidade de Tui, en Galicia, Play-Doc reúne cada ano unha serie de programas competitivos e non competitivos, retrospectivas dedicadas a aclamados cineastas de todo o mundo, ademais de seminarios e clases maxistrais, concertos en directo a cargo dos protagonistas das películas exhibidas, ou exposicións.

Play-Doc tamén aposta polo talento por mor dos Play-Doc Workshops, unha serie de obradoiros nos que se exploran novas vías de produción e formación orientadas ao desenvolvemento de proxectos cinematográficos.

A organización do festival convida a participar a todos aqueles realizadores e/ou produtoras que posúan os dereitos das obras que inscriban, sendo a convocatoria para películas documentais de calquera duración, temática e nacionalidade, producidas despois do 1 de xaneiro de 2011.

Todos aqueles interesados en participar deberán presentar os seus traballos antes do 30 de novembro de 2011. Para máis información, consultar bases e ficha de inscrición, dispoñibles na páxina web do festival www.play-doc.com