Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui acende motores, para a súa edición de 2013, coa apertura da convocatoria para os cineastas que desexen participar no certame. A sección oficial a concurso pretende dar a coñecer un cinema esencial e de difícil acceso a un público heteroxéneo, que medra cada ano en número de espectadores. Outro dos elementos identitarios da programación é a súa especial atención aos documentais musicais, con concertos incluídos, e as retrospectivas realizadas a dous autores de prestixio.

A este respecto, o pasado ano boa parte da cinefilia e a crítica nacional deuse cita en Tui para admirar a figura de Artavazd Pelechian, lendario cineasta soviético que en escasas ocasións realizou aparicións en público. A prestixiosa revista francesa Cahiers du Cinéma, referencia da crítica en toda Europa, definiu a experiencia como a “revisión dunha obra mestra” que deixou aos asistentes “coa boca aberta”. Tamén encomiou a programación do festival no seu conxunto, afirmando que esta “podería facer palidecer a un bo número de festivais de documentais”.

A esta participación súmanse, ao longo de oito edicións, as doutros importantes realizadores como Ross McElwee, Audrius Stonys, Marcel Lozinski, Victor Kossakovsky ou Jay Rosenblatt; que colocaron a Tui no mapa internacional dos certames de cinema de non ficción.

Play-Doc tamén aposta por novas vías de distribución. Xa prepara un proxecto de canle de televisión interactiva, de inminente creación, desde o que se poderá acceder a títulos vistos no festival. O talento é, ademais, un valor fundamental para os seus organizadores. Isto queda patente en Play-Doc Workshops, unha serie de obradoiros que exploran novas vías de produción e formación orientadas ao desenvolvemento de proxectos cinematográficos. Estas iniciativas son tamén a alma do festival, que seguiu apoiando e aumentando a oferta de cursos, nunhas últimas edicións marcadas pola austeridade orzamentaria que atravesa todo o sector cultural no noso país.

Con todo, a organización do festival abre, un ano máis, a convocatoria para participar nunha nova edición de Play-Doc. A convocatoria está dirixida a todos aqueles realizadores e/ou produtoras que posúan os dereitos das obras que inscriban, sendo a convocatoria para películas documentais de calquera duración, temática e nacionalidade, producidas despois do 1 de xaneiro de 2012.

Todos aqueles interesados en participar deberán presentar os seus traballos antes do 30 de novembro de 2012.

Para máis información consultar bases e ficha de inscrición, dispoñibles na páxina web do festival www.play-doc.com