A PELÍCULA VILAMOR CONQUISTA AO PÚBLICO EN NOVA YORK

13 / 08 / 2012

O New York City International Film Festival (NYCIFF) acolleu o sábado a proxección da película Vilamor. O equipo formado por Ignacio Vilar e os actores Rubén Riós, Sabela Arán, Xoel Yáñez e Mayka Braña, xunto á compositora Zeltia Montes, presentou a súa cinta ao público internacional.

Trala proxección no prestixioso Tribeca Cinema 2, en versión orixinal con subtítulos, o público alagou entre outras cousas a coraxe do director ao rodar a película en galego e a súa capacidade de emocionar aos espectadores a través dunha historia universal na que a riqueza cultural e medioambiental galega convértese nun auténtico protagonista.

“Levar á gran pantalla unha historia orixinal a través da nosa lingua, gastronomía, música ou a nosa paisaxe, non só nos permite amosar a nosa idiosincrasia a aqueles que aínda non a coñecen, senón tamén decatarnos de que o noso é tan válido como o dos demais”, apuntou Ignacio Vilar nunha das súas respostas ás preguntas do público que se interesou no porqué desta película como por cuestións máis prácticas como a rodaxe ou as experiencias dos actores.

A película participa na sección oficial xunto a outros 23 títulos, onde Ignacio Vilar é candidato ao galardón ao mellor director neste certame que conta coa cerimonia de clausura e entrega de premios este xoves.

Vilamor, ambientada na década dos 70 e baseada en feitos reais, mostra a realidade das zonas rurais galegas, así como a cultura e as tradicións do país, na meca da creación internacional a través dunha historia de amor inspirada nunha das primeiras comunas que houbo en Europa e que se creou en Negueira de Muñiz.

O venres pola noite o equipo de Vilamor recibiu tamén unha calorosa acollida no centro español La Nacional por parte da comunidade galega e española en Nova York, nun acto de presentación da película e no que houbo proxección dunha fotorreportaxe realizado por Carlos Folgoso.

 

 

Categoría: Novas
Etiquetas: