A oficina do Festival de Cine de Ourense acolleu onte a presentación do III certame OUFFescola, que este ano conta coa participación de 60 traballos en dúas categorías, entre eles un da escola María Soliña da India. Isabel Pérez, presidenta do Consorcio para o Festival de Cine, citaba a Chano Piñeiro, pioneiro do noso cine, no senso de que “facer cine en galego é necesario” e, neste sentido, apuntou a necesidade deste certame “para legarlle o cinema aos que hoxe son escolares”.

O concurso nace co triplo obxectivo de impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre a súa contorna sociocultural e o de fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo. Igualmente, potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para o audiovisual feito nas aulas. Trátase dunha iniciativa encadrada  como ferramenta na Directiva Europea de Alfabetización Mediática, que procura darlles formación aos mozos sobre o coñecemento e a avaliación do audiovisual.

Como en anteriores edicións, haberá dúas categorías: unha que engloba a Infantil e Primaria, e unha segunda para outros centros de Ensino Non Universitario. En ambas categorías, estableceranse os seguintes premio: un 1º de 600 €, un 2º de 400€, e o Premio Blanco Amor ao mellor guión. Todas as obras presentadas recibirán un certificado  acreditativo da súa participación que recaerán nos responsables e titores dos traballos presentados. Porén, este ano establecemos unha nova categoría.

Premio do público online
Como novidade da terceira edición, todos os filmes en concurso están á disposición do público na  web do Festival www.ouff.org, onde se poderá votar os traballos online establecendo así o Premio do Público (sen dotación económica), tamén para ambas categorías.  “A obra gañadora será a que conquera o maior número de LIKEs (gústame!), e o sistema de votación permanecerá aberto de hoxe até o 5 de outubro de 2011″, puntualizou Diego G. López, voceiro do OUFF.
Este premio (e demais galardóns do OUFFescola) entregarase o día 17 de outubro de 2011 na gala de clausura do III Certame de OUFFescola.

Outros datos e curiosidades
Mónica Fernández Valencia, técnica de Normalización Lingüística no Concello de Ourense, destacou a boa participación deste ano: “Presentáronse un total de 60 obras, na liña de anos anteriores (59 en 2009, 61 en 2010), só que este ano a convocatoria foi máis internacional ca nunca”. I é que de todos os traballos presentados, hai un quie chega dende a escola María Soliña de Pubai (Orissa, India), unha iniciativa da canguesa Neneta Herrero que xa reúne preto de 350 alumnos. [Unha curiosidade]

Por provincias, destaca a produción de Pontevedra, que presenta 38 filmes. Séguelle A Coruña, con 15, e Lugo e Ourense, con 3 cada unha. Dentro da categoría Infantil e Primaria, 3 traballos pertencen a Educación Infantil e 16 a Educación Primaria), mentres que no apartado de Ensino Non Universitario, 5 proveñen de Bacharelato e 36 da E.S.O.