OS PREMIOS MESTRE MATEO RECOÑECEN HOXE O TALENTO DO AUDIOVISUAL GALEGO

28 / 04 / 2012

A CORUÑA, 28 DE ABRIL DE 2012. Os Premios Mestre Mateo, os máis importantes do audiovisual de Galicia, recoñecen o talento dos e das profesionais do sector todos os anos, pero con especial importancia nesta ocasión debido ás dificultades engadidas que está a ter a industria do cine e da televisión para seguir facendo produción de calidade en plena recesión económica. A gala, que leva por título Crise, que crise? comezará en torno ás 21 horas de hoxe no auditorio Gaviota do Palexco de A Coruña e será retransmitida en directo pola TVG a partir das 22h30 horas.

Tanto a Academia Galega do Audiovisual, organizadora dos premios, como o director da gala, Ángel de la Cruz, enfocan esta noite de sábado como unha noite de celebración, de reivindicación e de unión, na que tanto os integrantes da Academia como os 107 finalistas pasarán pola alfombra vermella con ganas de compartir os éxitos propios e os dos seus compañeiros. Os finalistas tamén posarán no photocall da entrada do Palexco e os que resulten gañadores volverán fotografarse xunto coa súa estatuilla, tras recibir o galardón. Este ano iranse confirmando os gañadores en tempo real, no twitter e no facebook da Academia.

Entre os proxectos que acaparan máis candidaturas nesta edición están a serie de televisión Matalobos, con 15 nominacións; a longametraxe de ficción Doentes, con 13; a longa de animación Arrugas, con 8; a longa documental Tralas Luces, con 6; e a longametraxe para televisión Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego, tamén finalista en 6 categorías.

Este ano a dirección dos premios aposta polos números musicais, o humor, a autocrítica e, tamén, pola esperanza ante o futuro do audiovisual galego porque “o talento non está en crise”. Oliver Twist, Pennies from heaven, Se eu fora rico ou o “Acuarius” do musical Hair serviron de inspiración para un espectáculo de dúas horas de duración. Nel repasaranse cunha ollada ácida pero tamén optimista as crises máis importantes dos últimos séculos, desde a Revolución Industrial do século XIX ata a presente, tendo claro que toda crise pasada foi sempre peor.

Participación das caras máis coñecidas do audiovisual galego

Na gala dos Premios Mestre Mateo 2011 entregaranse galardóns en 28 categorías, para as que están nominados 107 profesionais. Cada un dos gañadores recibirá a súa estatuilla de mans dunha parella de artistas convidados, que entregará cada unha delas tres premios a tres categorías distintas. Serán en total dez parellas, ademais da encargada de recibir ao Premio de Honra Fernando Rey. No medio de cada unha das intervencións irán intercaladas diversas actuacións, shetcks e monólogos, para facer desta festa do audiovisual galego unha noite de entretemento.

Entre as parellas encargadas de entregar os premios figuran algunhas das caras máis coñecidas da televisión e a escena galegas, como Luis Tosar, Roberto Vilar, Beatriz Manjón, Xosé Manuel Oliveira “Pico”, Isabel Blanco, María Mera, Pedro Alonso ou Isabel Risco. Así mesmo, pasarán polo escenario gala dos Premios Mestre Mateo outros actores e actrices galegos, máis coñecidos polo seu traballo a nivel estatal, como Javier Gutiérrez, que encarna ao entrañable Satur en Águila Roja, David Seijo, que é Ramiro na serie El Barco, ou o presentador Fernando González “Gonzo”.

Mediada a gala, as produtoras Emma Lustres e Fernanda del Nido, en nome da Academia Galega do Audiovisual, faranlle entrega do Premio de Honra Fernando Rey a Dolores Ben, outorgado pola súa decidida aposta polo audiovisual do país, que vén demostrando nos últimos 20 anos de traballo a prol do sector.

Os #PMM11 contan co patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da TVG. Colaboran, ademais, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o ICAA, a SGAE – Fundación Autor, a Fundación AISGE, Gadis, Palexco, Begano, Superbock, Trevisani, a CDRO Queixo San Simón da Costa, a DO Queixo Arzúa Ulloa, IXP Pan de Cea, o Coro Cantabile, a Escola de Imaxe e Son da Coruña, Saturna, Caramelo, Oki Coki, Roberto Verino, Píxel Films, o Centro Coreográfico Galego e alumnos da Escola de Danza Druída, Queixo Tetilla, Monterrei, Filmanova, Tic Tac Producciones, Peluquería Cavelicco, Peluquería Fátima Albo, Peluquería Lida e Diseño Peluquería.  

 

Lista de Gañadores 


Obra publicitaria               

Colección de cortiniñas  (TVG-Abano Producións S.L.)

Interpretación feminina de reparto

Camila Bossa      (Matalobos)

 Interpretación masculina de reparto

Antonio Mourelos  (Matalobos)

Curta de animación

El club del bromista  (Luís Usón e Usón Studio)

 Curta de ficción

As damas negras (Sonia Méndez e Oroboro Films)

 Obra experimental

De amor e cantería (Píxel Films e Fundación Manuel María)

 Maquillaxe e perruquería

Mara Collazo, Chicha Blanco          (Emilia Pardo Bazán, A Condesa Rebelde)

 Deseño de vestiario

María Gil  (Emilia Pardo Bazán, A Condesa Rebelde)

Dirección artística

Paco Roca (Arrugas)

Alexandra Fernández (Doentes)

 Montaxe

Sandra Sánchez E Nahum C. Fiuza (Tralas Luces)

 Dirección de produción

Enrique Batet       (Doentes)

 Dirección de fotografía

Suso Bello- A.E.C. (Doentes)

Mellor documental

As silenciadas     (Mr Misto Films S.L)

 Programa de televisión

Zigzag Diario (TVG)

 Obra interactiva

Area fai seis (Instituto Galego De Consumo (Igc), Editorial Galaxia, Ánxeles Abelleira e Moonbite)

Son

Diego S. Staub, Carlos García, Miguel Barbosa  (Arrugas)

 Música orixinal

Nani García (Arrugas)

 Longa documental

Tralas Luces        (Tic Tac Producciones en coprodución con Lagarto Cine, Ukbar Filmes e TVG)

Interpretación masculina protagonista

Antonio Durán “Morris” (Doentes)

 Interpretación feminina protagonista

Susana Dans       (Emilia Pardo Bazán, A Condesa Rebelde)

 Comunicador de televisión

Roberto Vilar        (Land Rober)

Guión

Ángel De La Cruz, Ignacio Ferreras, Paco Roca, Rosanna Cechinni (Arrugas)

 Realización

Marta Piñeiro, Judas Diz (Matalobos)

Dirección

Sandra Sánchez (Tralas Luces)

 Película tv

Eduardo Barreiros, O Henry Ford Galego (Continental Producciones, Salero Films e TVG)

 Longametraxe de animación

Arrugas (Perro Verde Films S.L., Cromosoma S.A. Elephant In The Black Box e TVG)

 Serie de televisión

Matalobos (Voz Audiovisual S.A.U. e TVG)

Longametraxe de ficción

Doentes (Filmanova Invest S.A.U., Zircozine, TVG e R) 

Etiquetas: