Do 18 ao 22 de marzo o Teatro Municipal de Tui acollerá a quinta edición do certame de cine documental “Play-Doc”, que nesta nova edición ofrecerá unha selección de 31 películas procedentes de países tan diversos como Xapón, Reino Unido, Eslovaquia, Irán, México, EE.UU, Lituania, Israel, China ou Polonia, e por suposto, de Galicia, que este ano terá unha ampla representación dentro do Festival, en cuxa Sección Oficial compiten catro documentais galegos. Un xurado internacional encabezado polo cineasta Georgi Lazarevski encargarase de repartir os 9.000 euros en premios para as tres categorías a competición.

A Sección Oficial do Festival Internacional de Documentais de Tui, “Play-Doc”, na que predominan este ano as historias de amor, cargadas de humor e aires de optimismo para estes tempos difíciles, contempla as seguintes categorías: Longametraxes, Curtametraxes e Documentais Galegos. Nesta última categoría compiten catro obras: “Cantos Rodados”, dirixida por Xoel Méndez e producida por Ficción Producciones; “Eloxio da distancia”, dos directores Felipe Veiga e Julio Llamazares e da produtora Bren Entertainmet; “Manuel e Elisa”, de Manuel Fernández-Valdés producida por Tic Tac Producciones; e “París#1″, de Oliver Laxe. A gala de entrega de premios terá lugar o 22 de marzo.
A Sección Informativa centrarase este ano en dous aclamados directores, o lituano Audrius Stonys e o polaco Bogdan Dziworski. Para completar a súa proposta cultural, o Festival ofrece ademais unha serie de eventos paralelos protagonizados polos personaxes dos documentais presentados, como os concertos en directo entre os que destaca o do “Rei do dub”, Mad Professor, así como as actuacións dos músicos de “One Man in the Band”. Tamén durante o Festival, o artista iraniano Jamshid Aminfar, protagonista do documental “Cyanosis”, exporá parte da súa obra.
Ademais, con motivo da celebración da súa quinta edición, o Festival puxo en marcha un particular seminario-obradoiro, coordinado polo multipremiado director lituano Audrius Stonys e Marta Andreu, produtora e coordinadora académica do Máster de Creación Documental da UPF de Barcelona, no que os habitantes de Tui serán os protagonistas. Baixo o título “O Retrato Filmado”, un pequeno número de realizadores realizará un documental a un número de habitantes de Tui e/ou arredores.  Este obradoiro- seminario proxectarase durante o Festival.
Consultar a web do Festival: www.play-doc.com