Expertos no ámbito da TDT local procedentes de Cataluña, Andalucía e Galicia participaron neste encontro de traballo dirixido a establecer unha estratexia común para as TDT locais en Galicia e a coñecer experiencias similares noutros municipios. O encontro, organizado polo CLAG, conta coa financiación do IGAPE e do Fondo Social Europeo, así como coa colaboración da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia.
“Estamos obrigados a deseñar estratexias que exploten todas as posibilidades das novas tecnoloxías”, asegurou o vicepresidente do Cluster Audiovisual Galego, CLAG, Carlos Carballo, na súa intervención no foro “Deseño dunha estratexia común para as TDT locais en Galicia”, que tivo lugar o pasado venres en Santiago de Compostela.

Amais do vicepresidente do CLAG, Carlos Carballo, quen destacou a necesidade de incluír máis contidos de proximidade na nova televisión que se está implantando, a inauguración do encontro contou coa presencia do presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Carlos Antonio Fernández Castro e do director xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, Manuel José Fernández Iglesias. O presidente da FEGAMP asegurou que pola súa banda existe preocupación e interese por realizar o seguimento da implantación da TDT en Galicia o que lles levou a realizar “contactos co CLAG para ir coñecendo de primeira man os avances neste senso”, asegurou Fernández Castro. O Foro contou, asemade, coa presenza de representantes e técnicos dos concellos de Santiago, A Coruña, Ribeira, Lugo, Arnoia, Lalín e da Diputación de Ourense.

Revisión do modelo de televisión

O director xeral de Comunicación Audiovisual, que abordou a situación actual da TDT en Galicia e as dificultades para a posta en marcha dunha concesión de TDT municipal, asegurou que a Xunta “debe asumir a responsabilidade de garantir o éxito da implantación destes novos servizos”. Durante a súa intervención, Fernández Iglesias afirmou que é necesario revisar totalmente o modelo de negocio actual da televisión xa que non é exportable ao dixital. “Existe unha sobreoferta de contidos audiovisuais de carácter xeneralista”, asegurou, polo que “debemos traballar no desenvolvemento dunha televisión de proximidade” que abriría un novo campo de posibilidades tamén para o sector audiovisual galego que debe adaptarse ás necesidades deste novo cliente. “Se o sector audiovisual galego non se adapta a este novo marco de xeneración de contidos, onde debemos apostar pola compra sindicada de contidos”, asegurou o responsable da Xunta “caeremos na compra de contidos en Europa, tendo que doblalos ao galego”.

O foro, promovido co obxetivo de contar coa concurrencia de todos os axentes implicados na implantación da TDT en Galicia, contou coa presencia dalgunhas das empresas implicadas na creación de novos servizos e solucións tecnolóxicas adecuadas ás novas necesidades e oportunidades xeneradas pola TDT, como Vitelsa, Correo TV, Fynet ou Tecnocom, que presentaron os seus proxectos de traballo e participaron nun coloquio para poñer en común estratexias de actuación orientadas a abordar as necesidades e posibilidades que conleva a implantación da TDT en Galicia.

Exemplos de implantación

Finalmente, o foro tamén acolleu a presentación de duas iniciativas de implantación de TDT noutras comunidades: Maresme Digital TV, en Cataluña, que correu a cargo do seu director xerente, Jordi Marín Puigpelat, e o Proxecto Marel, en Sevilla, presentación a cargo da súa coordinadora, Carmen Illana. Nas súas intervencións puxeronse de manifesto as grandes diferencias que existen na implantación da TDT, en organización e grao de desenvolvemento, ainda que ambos coincidiron en destacar o gran interese de iniciativas como a do CLAG, xa que permiten facer unha reflexión sobre a complexa situación que xenera a introdución desta nova tecnoloxía.