O Festival de Cans foi este ano protagonista do Shoot-Me Film Festival da Haia, que se celebrou a semana pasada na cidade holandesa. O domingo Cans pechou o evento cun programa especial chamado “Cans e comer coa Cegoña”, que mestura un paseo en barco, unha cea e a proxección proxección nun centro hípico das curtas gañadoras no certame galego.

O programa dedicado a Cans arrincou cun paseo no barco Ooievart (Cegoña) polos canais da cidade holandesa. O público participante arrivou a un centro hípico, onde degustaron unhas tapas para logo ver as producións premiadas na quinta edición do Festival de Cans: “Sálvame” de Javier Veiga (premios de Ficción do xurado e do público), “1977” de Peque Varela (premio de Animación do xurado), “A revolta dos mouses” de David Gen (premio de Animación do público) e os videoclips “Calamar” de The Homens (premio do xurado) e “España a las 8” de Elodio y Los Seres Queridos (premio do público). Ademais proxectouse a montaxe fotográfica sobre o festival “Máis Cans que nunca”, de Luis Otero.

Este é o segundo ano que as curtas de Cans se proxectan no Shoot-Me. Tamén o público do festival galego puido gozar este ano dunha selección do certame holandés. Estes intercambios enmárcanse no proxecto Anywhere Cinema Association, que estes dous festivais puxeron en marcha para promover a cooperación entre festivais de todo o mundo que se caractericen por facer as súas proxeccións fóra dos espazos habituais (salas de cine e auditorios). Se en Cans as curtas se ven en baixos, bodegas, galpóns e alpendres, no Shoot-Me pásanse en lugares tan diversos como estacións de metro, un sex-shop, un aparcadoiro de coches, un ximnasio de boxeo ou un centro hípico, entre outros.

Xira das curtas gañadoras

A Haia é o terceiro lugar no que o Festival de Cans proxecta as curtas gañadoras nesta edición, logo do Porriño e Santiago de Compostela. No próximo mes de xullo as curtas poderanse ver o día 8 en Vigo e o 14 no CGAI da Coruña.

Tamén en xullo chegarán á illa de La Palma, en Canarias, dentro da programación do Festivalito (Festival de Cine Chico), onde se proxectarán nun escenario natural: a praia. Logo as curtas proseguirán o seu periplo, con proxeccións previstas en varias localidades galegas e en cidades europeas como Lisboa, Madrid e Bruxelas.