O SECTOR AUDIOVISUAL RECLAMA A CONVOCATORIA DAS MESAS DE TRABALLO ACORDADAS CO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA

16 / 07 / 2008

O 5 de maio deste ano, o Presidente da Xunta de Galicia convocou ao sector a unha xuntanza, onde se identificou cos problemas formulados polas asociacións profesionais e comprometeuse a impulsar unha mesa de diálogo entre os representantes do sector e as distintas áreas de Goberno para dar resposta ás reivindicacións plantexadas. Hoxe, as oito asociacións profesionais asinantes do decálodo de demandas ao goberno galego fixeron público un comunicado no que subliñan a urxencia da convocatoria desas mesas de traballo.

A consecuencia dun largo período de incerteza do sector audiovisual galego, hai un ano, reuníronse as asociacións de profesionais e empresarios (AAAG, AEGA, AGAG, AGAPI, APRADOGA, ATEGA, CREA, EGANET) e consensuaron un decálogo que recolle as súas reivindicacións máis urxentes, decálogo que foi enviado ao Presidente da Xunta de Galicia o 20 de xullo de 2007.

O 5 de maio deste ano, o Presidente convocou ao sector a unha xuntanza, onde se identificou cos problemas formulados e comprometeuse a impulsar unha mesa de diálogo entre os representantes do sector e as distintas áreas de Goberno para dar resposta ás reivindicacións plantexadas. Ademais, chegouse ao compromiso dunha segunda reunión co Xefe do Executivo autonómico en setembro ou outubro deste ano, para repasar os logros acadados. O 30 de maio fíxoselle saber por carta a necesidade da convocatoria urxente da mesa sen obter ata o momento resposta algunha.

Un primeiro paso por parte do Goberno foi a promesa de habilitación de fondos para que a Televisión de Galicia cumpra coa normativa do 5% na compra de produción cinematográfica a produtoras independentes. Os asinantes do decálogo valoran moi positivamente esta iniciativa, sen embargo subliñan a necesidade da aprobación dunha normativa propia que regulamente a obriga. Tamén resulta imprescindible e urxente que a TVG dea resposta aos proxectos, longametraxes, tv-movies e documentais, que, dende hai moitos meses, foron presentados e que xa se atopan en proceso de rodaxe ou pre-rodaxe. Subliñan a necesidade urxente de abordar o resto das cuestións do decálogo para sentar as bases definitivas cara a consolidación dun sector declarado de extraordinaria importancia pola súa contribución ao desenvolvemento económico e cultural do noso país.

A necesidade de medidas faise cada vez máis urxente xa que día a día a situación, lonxe de mellorar, empeora. Así, nestes momentos a situación é a seguinte:
– A día de hoxe non se realizaron gran parte dos pagos correspondentes ás convocatorias do ano 2007.
– Aínda non se convocaron as axudas anuais á produción e promoción de longametraxes, documentais e tv-movies.
– Tampouco saíron á luz as anunciadas medidas da Consellería de Innovación e Industria para o fomento de rodaxes en Galicia e comercialización de longametraxes .

Por estas e polas demais cuestións recollidas no decálogo, as oito asociacións asinantes subliñan a urxencia da convocatoria das citadas mesas de traballo entre as asociacións e todas as partes involucradas da administración galega.

As asociacións asinantes do decálogo son:

AAAG: Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
AEGA: Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual
AGAG: Asociación Galega de Guionistas.
AGAPI: Asociación Galega de Produtoras Independentes.
APRADOGA: Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe.
ATEGA: Asociación de Técnicos do Audiovisual de Galicia.
CREA: Asociación de Directores e Realizadores de Galicia.
EGANET: Empresas Galegas Dedicadas a Internet.

Categoría: Novas
Etiquetas: