O RAIO VERDE CREA “CINEMADIX”, UN NOVO CIRCUITO QUE REVOLUCIONARÁ A DISTRIBUCIÓN DO CINE GALEGO

23 / 06 / 2009

Nun futuro moi próximo, as producións cinematográficas e audiovisuais galegas van ser exhibidas a través dun revolucionario circuito de distribución que permitirá que sexan visionadas simultaneamente en numerosos puntos da xeografía de Galicia. Este novidoso circuito, denominado Cinemadix, está promovido por Carmen Rábade,  directora da escola de producción audiovisual O Raio Verde, de Santiago de Compostela, co apoio da Facultade de Psicoloxía (Unidade de  Psicoloxía do consumidor e usuario) e das empresas Lambdastream, Ozono Multimedia e Xaspe Desenvolvementos.

Baseado nas novas tecnoloxías das comunicacións, Cinemadix permitirá proxectar unha película e, a través dun software específico de transmisión do sinal, todas as asociacións participantes no proxecto poderán conectarse e proxectar simultaneamente o film.

Cinemadix nace coa finalidade de modernizar e dinamizar os tradicionais circuitos de distribución e, especialmente, achegar o cine galego aos espectadores de todos os concellos, ás asociacións culturais, e a outro tipo de entidades locais que van poder acceder deste xeito a unha ampla oferta cinematográfica a prezo moi competitivo.

Nunha primeira fase, o proxecto “Cinemadix” foi presentado o pasado día 18 en Santiago nun acto orientado  a atopar socios tecnolóxicos e empresariais, en colaboración coa Plataforma Tecnolóxica Audiovisual Galega, i+dea. Asemade, os promotores abordan agora unha fase para implicar no proxecto ás entidades locais, tanto concellos, como asociacións e outros organismos locais vencellados ao ámbito da cultura interesados en ofrecer o servizo e adherirse ao circuito.

Cinemadix está dimensionado cunha doble funcionalidade: por unha parte a proxeccción simultánea de películas en numerosos puntos da xeografía de Galicia e, por outra, a realización mediante video conferencia de sesións interactivas entre os espectadores e os equipos técnico-artísticos das películas, fomentando a posibilidade dunha retroalimentación constante entre o público asistente ás proxeccións e os integrantes dos equipos.

Promoción do cine galego en Galicia

Cinemadix é unha aposta decidida pola promoción do cine de guión e independente e ofrece unha proposta de entretemento cinematográfico en base a un patrón de proxeccións que inclúe programación semanal para adultos de mércores a domingo a partires das 20:30 horas. Ao finalizar a película os espectadores poden participar dende calquera punto no que seguiron a proxeccción nun videoforum cos equipos da rodaxe do film. Asemade, están previstas proxeccións para o público infantil durante as fins de semana, a partires das 17.00 horas.

En definitiva, os obxectivos de Cinemadix son distribuir películas galegas e cine independente a través dun novo circuíto alonxado das canles tradicionais e, polo tanto, achegalas a todo tipo de asociacións culturais e locais espalladas polo territorio galego, que ata agora tiñan difícil acceso á oferta cultural de cine feito en Galicia.

Categoría: Novas
Etiquetas: