O PROGRAMA DOA A DOA DE TVG ACADOU O SEU MÁXIMO HISTÓRICO DE AUDIENCIA CUN 18,2% DE SHARE

2 / 01 / 2009

O pasado domingo 25 de xaneiro, o programa de TVG “Doa a doa” alcanzou a súa máxima audiencia. O programa titulado “Polo ollo da agulla” no que os nosos avós recordan a delicia que era estrear un traxe novo ao ano, alcanzou un 18,2% de audiencia media.
No capítulo recordouse que calquera que saiba mirar cara atrás decátase de que hoxe vivimos na sociedade da abundancia. Ata hai ben pouco dicíase de quen comía moito e ben que pagaba a pena facerlle un traxe. Hoxe poida que custe tanto unha boa fartura como un vestido axeitado. Valentín Muñiz explícanos as súas aventuras cunha camisa nova: “tíñamos unha costureira alí, vesiña, que nos viña coser á casa. As mulleres, as costureiras iban coser á casa de moita xente. E fíxome a dichosa camisa, a camisa era bonitísima, presiosa. Pero púxena e ós 2 días xa me abreu por atrás xa me rompeu toda”.

Aquilo viña expresa-las dificultades que nun tempo houbo para chegar a un vestido ou a un traxe, cortados e cosidos a medida pola costureira ou polo xastre. Hoxe as roupas cómpranse feitas, un día si e outro tamén, os caprichos da moda, de usar e tirar: xa non se cose nin se remenda. E do que agora case non sabemos é da ledicia de estrear ¡¡unha vez ao ano!!, un traxe novo… Por iso daquela se dicía: “O que non estrea o domingo de Ramos, nin ten pés nin ten manos”.

Sobre a moda fálanos Maximino Viaño: “Seica as rapazas xa estrenaban algunha roupa elegante, xa estrenaban pero as mulleres vellas si que facían a roupa de sempre. Non podía un escapar, se unha tiña a roupa larga, tiña que ser larga, se unha tiña a roupa negra tiña que ser negra sempre.”

Categoría: Novas
Etiquetas: