Curtocircuíto, o festival de curtametraxes organizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo e a Concellaría de Cultura, celebra este ano o III Mercado Internacional de Curtametraxes en Santiago de Compostela. O Mercado celebrarase entre o 20 e o 24 de outubro, paralelamente á Semana Oficial do Festival, e O prazo de inscrición remata o 24 de xullo.
Dende que se abriu o prazo de inscrición o pasado 14 de abril, 2644 curtometraxistas rexistráronse en Curtocircuíto e formarán parte do catálogo desta III edición do Mercado.

Todas as curtas inscritas en Curtocircuíto este ano estarán a disposición dos profesionais acreditados, que terán a posibilidade de acceder aos fondos do festival na propia sede do Mercado e de poñerse en contacto con curtometraxistas e outros profesionais do sector para establecer contactos comerciais. Tamén se celebrarán outras actividades como mesas de debate e presentacións dos catálogos de algunhas das distribuidoras máis importantes tanto españolas como internacionais.

O obxectivo do III Mercado Internacional, promovido polo departamento que dirixe o nacionalista Xosé Manuel Iglesias, é impulsar a industria audiovisual en Santiago convertendo a capital galega no principal punto de encontro dos profesionais do sector da curtametraxe.

Curtocircuíto leva a cabo outras moitas actividades relacionadas cas curtametraxes. Por exemplo, xa está en marcha Curtocircuíto na Rúa, as proxeccións de curtas ao aire libre nos meses de xullo e agosto, e regresará entre o 17 e o 24 de outubro para celebrar a Semana Oficial do festival na que se proxectarán máis de 200 novas curtas, organizaranse obradoiros de formación, concertos e exhibicións.