O I Foro da Industria Galega do Audiovisual reuniu a máis de cen profesionais para debater os usos da IA

16 / 11 / 2023

  • “Será preciso adaptarse a un novo entorno impulsado pola tecnoloxía sen perder de vista a necesidade de manter a creación humana no centro dos contidos.” Alba Meijide, coordinadora en contidos en IA de FIGA
  • O foro impulsou a celebración de encontros profesionais, que culminaron coa creacion da Mesa do Audiovisual Galego.

A Coruña, 16 de novembro de 2023 | Máis de cen profesionais e expertos da industria audiovisual reuníronse na Cidade das TIC da Coruña para participar no I Foro da Industria Galega do Audiovisual-FIGA do 9 ao 11 de novembro, un evento que abordou o crecente impacto da Intelixencia Artificial (IA) industria do audiovisual.  Para Alba Meijide, coordinadora de contidos en IA de FIGA “poder contar con expertos, tanto en IA como de distintas áreas do sector audiovisual, permitiu abrir debates para expoñer as oportunidades, desafíos e medos que implica o uso da intelixencia artificial para o audiovisual galego.”

Durante tres días FIGA constituiu o punto de encontro dos profesionais galegos onde coñecer como as distintas aplicacións da IA están a revolucionar a creación, produción, distribución e exhibición de contidos audiovisuais e intercambiar puntos de vista sobre numerosas cuestións que preocupan ao sector. “Os nosos relatores destacaron o carácter innovador que plantexa a IA en tarefas como a optimización de procesos ou a personalización de experiencias” engade Meijide, “sen esquecer por suposto todos os desafíos éticos e regulamentarios que se asocian con esa tecnoloxía innovadora.”

O presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, considera que dedicarlle á IA esta primeira edición do foro “serviu para achegar visións e perspectivas coas que quizais tiñamos menos contacto, que por unha banda confirman moitas preocupacións, pero por outra abren camiños e oportunidades.” Unha opinión que comparte Alfonso Martínez, director da Cidade das TIC “a IA é unha tecnoloxia que está en boca de todos e, moitas veces, opínase dela sen saber en que consiste realmente. FIGA foi unha excelente oportunidade para coñecer da man de verdadeiros expertos, como vai afectar a unha industria creativa como é a audiovisual.

Expertos de referencia nacional e internacional abordaron cuestións relativas a lexislación, post produción, dirección ou guión, tendo en conta os desafíos e oportunidades que a IA presenta para o sector audiovisual en relatorios e paneis de discusión. “Será preciso adaptarse a un novo entorno impulsado pola tecnoloxía” valora Alba Meijide “sen perder de vista a necesidade de manter a creación humana no centro dos contidos. Nun mundo impulsado polo cambio constante e a evolución tecnolóxica, eventos como FIGA destacan a importancia da coexistencia entre a innovación que supón a intelixencia artificial e preservar a singularidade artística que só o toque humano de artistas e creativos pode aportar.” 

O foro tamén impulsou a celebración de encontros profesionais, que culminaron coa creación da Mesa do Audiovisual Galego, constituida por representantes da Academia Galega do Audiovisual e as seguintes asociacións sectoriais: a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG); a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG); a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI); o Clúster Audiovisual Galego; a Asociación de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) e a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema (PROXECTA).

Categoría: Novas
Etiquetas: