Dende o 23 de outubro e ata o 4 de decembro, todos os xoves, celebraranse unhas Xornadas dedicadas a analizar “O futuro da industria da Comunicación”, organizadas polo Club Internacional de Prensa, e que abranguerán a análise dos distintos aspectos que afectan ao eixe central, as realidades europea e latinoamericana, sen esquecer o contexto estadounidense.
Estas Xornadas, que terán lugar en Santiago de Compostela, contarán coa presenza de importantes personalidades relacionadas directamente co mundo da comunicación, como son: Joâo de Almeida Santos, asesor político do Pimeiro Ministro en Portugal, presidente da Deputación Municipal de Guarda e presidente da Comunidade Urbana de As Beiras/Comurbeiras; Alex Grijelmo, presidente da Axencia de Noticias EFE; Carlos Jiménez, Enxeñeiro Superior de Telecomunicacións, presidente de Secuware; Amalia Schirru, deputada polo Partido Democrático en Italia; Eduardo Medinaveitia, director xeral técnico de Zénith Media; Carlos Fernández Esteban, enxeñeiro industrial e máster en Investigación Operativa, e Jesús Timoteo, Catedrático de Periodismo e Comunicación na Universidade Complutense de Madrid e Profesor Emérito de Comunicación no Instituto Politécnico de Lisboa.

Participarán tamén distintos responsables de medios de comunicación de países como Brasil, Colombia, México, Cuba, Venezuela, California, Arxentina e Colombia, co fin de contrapoñer ou contrastar o futuro da industria da comunicación en ese tan diferente marco que supón América Latina, ou Estados Unidos.

O contido

Os cambios e perspectivas nas relacións entre os políticos, os medios e o sector da comunicación; as interfaces e os sistemas fiables na xestión da información e nas prácticas dos medios; a construción e mantemento de espazos de opinión contra as televisións e contra a industria da comunicación; a información e o desenvolvemento industrial do sector; o negocio converxido da comunicación e os medios que veñen; as estratexias e ferramentas de futuro na xestión da Información e o Coñecemento, e o tránsito do mediático ao postmediático, da información ao coñecemento, conforman boa parte dos contidos destas Xornadas.

A asistencia

Estas Xornadas están dirixidas non soamente ao estudantado da Comunicación nas súas diversas ramas, senón tamén -e de xeito especial- aos/ás profesionais da comunicación en todos os seus ámbitos: xestores de comunicación, xornalistas, publicitari@s, produtor@s, xestor@s de contidos, así como ás organizacións de todo tipo que utilicen a comunicación como función e ferramenta dos seus obxectivos estratéxicos.

O prazo de inscrición -a asistencia é gratuíta- está xa aberto e manterase ata o 15 de outubro, no Club Internacional de Prensa de Galicia, para o que se habilitará en brebe un procedemento específico a través da web oficial deste organismo:www.clubinternacionaldeprensa.org, sen prexuízo do envío que acompaña este correo, co Boletín de Inscrición, que coma sempre, é de balde.

En moi breve espazo de tempo publicarase toda a información do programa destas xornadas na web do Club Internacional de Prensa.