No transcurso da Festa de Finalistas dos XVIII Premios Mestre Mateo que tivo lugar no hotel AC by Marriott da Coruña, Alfredo Sellier, sobriño tataraneto de José Sellier Loup fíxo a entrega do premio especial que leva o nome do seu devanceiro ao festival infantil Olloboi, que este ano celebrará a súa décima edición.

O premio foi recollido polo equipo que fai posible o festival: Ana Moreiras, Javi Paz, Lolo Garrido, Petro Álvarez, Sara Hermo, Susana Diz e Yaiza Vicente quen agradeceron o galardón.

O premio especial José Sellier recoñece iniciativas relevantes para o sector e reivindica a figura deste pioneiro da cinematografía, o primeiro en rodar en España cunha cámara Lumière. As súas películas ‘Orzán’, ‘Praza de Mina’ e ‘Fábrica de gas’, filmadas en maio de 1897, son as máis antigas que puideron ser datadas con fidelidade no Estado.

Despois realizouse a tradicional foto de familia coas persoas finalistas que deu paso a unha festa no Soho Café Coruña onde se trasladaron finalistas de todas as categorías, o director da Gala -Luis Avilés-, e representantes de autoridades e entidades patrocinadoras e colaboradoras.