O FESTIVAL DE CANS MULTIPLICA AS ACTIVIDADES AUDIVOSUAIS, MUSICAIS E ALTERNATIVAS NA SÚA EDICIÓN MÁIS COMPLETA

7 / 05 / 2008

A quinta edición do Festival de Cans vén cargada de novidades. Hoxe deuse a coñecer no Bar Fortes, un dos lugares emblemáticos desta parroquia do Porriño, a programación completa do festival, que principalmente se desenvolverá entre o 21 e o 24 de maio. O aumento de aforo, a fixación de premios económicos, a potenciación das actuacións musicais e o incremento notable das actividades alternativas fan que a edición deste ano sexa a máis completa e variada das celebradas ata agora.
Na presentación da quinta edición participaron o alcalde do Porriño, Raúl Francés; o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Xosé Fernández Iglesias; a delegada provincial da Consellaría de Cultura, María Xesús López Escudeiro; o vicepresidente do Cluster Audiovisual Galego, Carlos Carballo; o xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Nacho Varela; a presidenta da Asociación Cultural Arela, organizadora do certame, Keka Iglesias; e o director do festival, Alfonso Pato. Eles debullaron as novidades e principais características de Cans para este ano.

Producións a concurso, premios e xurado
A selección de producións a concurso inclúe 32 pezas: 18 curtas e 14 videoclips. Das curtas, 12 son de ficción e 6 de animación. Cubren todos os xéneros, tráennos as últimas creacións de curtametraxistas xa clásicos entre nós e tamén nos descubren novos talentos. Poderanse ver o sábado pola tarde nas salas de Cans. Os 14 videoclips musicais, representación dun dos xéneros audiovisuais emerxentes, proxectaranse o xoves 22 nun local da asociación de bares Espacio Noite, do Porriño.

As curtas a concurso son, en ficción: Palíndromo (Eva Quintas Froufe), O hospital (Iván Seoane), Avalancha (Coté Soler), Da man da raíña vermella (Omar Rabuñal e Miguel Corujo), Perversa Lola (Sonia Méndez), Babies for Gina (Lara A. Serodio), Van de Sobra. Toda unha personaxe (José Ángel Regueiro), Sálvame (Javier Veiga), Auga (Xosé Antón Perozo “Ozo”), Rosita e Jacinto (19′, Alber Ponte), Cores (Jairo Iglesias) e Formularios truculentos (José Luis Díaz).

En animación participarán Man (Juan Carlos Abraldes), A revolta dos mouses (David Gen),
1977 (Peque Varela), Leo (Fernando Cortizo), Don Señor e o home do soño (Nacho Abia) e
O bufón e a infanta (Juan Galiñanes).

Os grupos que contarán con videoclip a concurso son Manos de Topo (Vigo /Barcelona), Meu (A Coruña), Pacífico (Vigo), Ruxe-Ruxe (Compostela), Triángulo de Amor Bizarro (Barbanza), Combo Dinámico (A Coruña), Baldosa Amarilla (O Porriño), Catpeople (Vigo/Barcelona), Silvia Penide (Arteixo), The Homens (Compostela), Elodio y Los Seres Queridos (Vigo), Apenino (Compostela), Franc3s (Carballo) e Lamatumbá (Ourense).

As mellores producións recibirán coma sempre a estatuíña do festival, o Can de Pedra, realizado polo artesán local Paco Candán. Pero ademais, repartiranse 8.100 euros en varias categorías. Deles, 3.600 son en premios establecidos pola organización: 1.500 euros ao premio do xurado en animación, outros 1.500 á premio do xurado en ficción, e 300 para cada videclip gañador, segundo o xurado e segundo o público. Ademais, o Cluster Audiovisual Galego entrega un premio de 1.500 euros ao premio do público á curta de ficción, e o Consorcio Audiovisual de Galicia dotará con 3.000 euros en promoción e a inclusión no programa Curtas á gañadora de animación segundo o público. A lista de galardóns complétase cos premios ao mellor actor e á mellor actriz e o premio de honra “Pedigree”, que recibirá o actor Chete Lera.

O festival contará de novo con dous xurados para a escolla dos premiados: un xurado de curtametraxes e outro de videoclips. O de curtametraxes estará formado por sete persoas, encabezadas polo director Nacho Vigalondo, que en 2004 estivo nominado ao Oscar de Hollywood pola curtametraxe “7:35 de la mañana”. É o único non galego dun xurado que compartirá coa guionista Tatiana Rodríguez, nominada ao Goya en 2008 xunto a Iciar Bollaín polo guión de “Mataharis”; a directora, produtora e guionista Lidia Mosquera, que dirixiu “La noche más corta” e “La hora wiki” e na actualidade é responsable de contidos multimedia do canal Cuatro; o actor Pedro Alonso, protagonista da serie “Padre Casares”: o guionista e monologuista Rober Bodegas; a actriz María Castro, que acadou gran popularidade polo seu papel na serie “Sin tetas no hay paraiso”; e o actor e guionista Roberto Vilar, coñecido popularmente polo seu papel en “Os Tonechos”.

En canto ao xurado de videoclips, compoñerano Jesús Ordová, director durante 25 anos de “Diario Pop” e comisario da exposición “Videoclips en España (1980-2006); o músico Miguel Costas, exmembro de Siniestro Total e Aerolíneas Federales e que na actualidade lidera Miguel Costas & La Banda Turca; e Jorge Coira, director de curtametraxes, series, telefilmes, unha longametraxe e un bo número de videoclips.

Aumento do aforo, as entradas e os días
Este ano, a organización fixo un esforzo por aumentar o aforo do festival para as proxeccións a concurso. O festival contará con dez salas, tres máis que o ano anterior. As curtas a concurso proxectaranse en oito salas, seis con curtas de ficción e dúas con curtas de animación. Desta forma poremos á venda 600 entradas, das que 120 poderanse reservar por primeira vez a través da web festivaldecans.com, en packs de entrada + camiseta. Será a partir do luns día 12. O venres 16 ás 20:00 horas poranse á venda as 480 restantes, no Local Social de Cans.

Unha das salas coas que se incrementará o aforo do festival formará xunto co Jalpón Friki parte da programación de acceso libre para a tarde do sábado. Será a Sala Multiusos, na que se poderán ver curtametraxes galegas recentes con propostas narrativas e estéticas novidosas. Un espazo para a experimentación que incluirá intervencións en directo, como a de Lili Films coa súa reinterpretación de vellas cintas caseiras de Super8.

Ademais o festival aumenta en días, incorporando á programación estable a xornada do mércores 21, un día dedicado aos veciños da parroquia. A partir das 21:30 horas no Baixo de Moncho proxectaranse fotos antigas da parroquia, estrearase unha curta documental rodada en Cans e terá lugar a reestrea de “Río de sombras”, unha curta de 1986 cunha ampla participación porriñesa. Ademais, haberá música a cargo das cantareiras de Cans, Moncho e a súa harmónica e outros artistas espontáneos.

Máis programación audiovisual
A parte das curtas e clips a concurso, a programación audiovisual inclúe outras moitas sorpresas. Este ano estraranse dúas películas e un documental, co que Cans se consolida como lugar de estrea para producións audiovisuais galegas. O xoves 22 no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño, estrearase “Cartas italianas”, o último filme de Mario Iglesias. E o venres 23 celebraremos o Día Internacional do Orgullo Friki, coa estrea de “Maldito Bastardo”, un filme gore dirixido por Javi Camino. Tamén estrearemos o documental “Fin dunha viaxe infinita”, sobre a traxectoria de Xoel López, Deluxe.

Outro punto forte desta edición serán os coloquios. O xoves 22 proxectarase “Periféricos”, un documental sobre a movida viguesa dos 80, que dará pé a un coloquio no que participarán Jesús Ordovás, Miguel Costas e Bibiano Morón, ademais dos directores do filme. E o sábado á mañá teremos a segunda edición do Coloquio na Leira, que contará con Juanma Bajo Ulloa, acompañado de Manuel Manquiña e Julián Hernández. O título do coloquio é: “Cine español e público: Vamos a llevarnos bien, o van a haber hondonadas de ostias aquí”, e estará precedido da proxección dunha selección de curtas do director.

Entre as proxeccións haberá un oco tamén para producións que veñen de fóra. Por primeira vez Cans convida a outro festival a que programe unha selección de pezas do seu certame. Nesta ocasión será o Shoot Me Film Festival de A Haia (Holanda), un festival no que os filmes se proxectan en lugares tan diversos como unha igrexa, un ximnasio de boxeo, unha tenda de alfombras ou un sexshop. Esta proxección forma parte do proxecto Anywhere Cinema, que desenvolven o festival galego e o holandés, co obxectivo de procurar outros festivais no mundo que teñan como referencia facer as proxeccións de cine fóra das salas e auditorios habituais.

Música ata nos canastros
Ademais do cine, a outra protagonista do festival vai ser a música, que se deixará oir en todos os recunchos de Cans, incluso dentro dos canastros. O festival aprópias este ano doutro icono rural para convertelo nun espazo para as performances acústicas de Víctor Coyote, que presentará “Ruído baixiño”. Serán actuacións para grupos de 12 persoas, que se repetirán o venres tarde e o sábado pola mañá.

Pero a música soará desde o xoves. Ao remate do concurso de videoclips Jesús Ordovás, mítico locutor de Radio3, ofrecerá unha sesión como dj. O venres os bombos de Treboada Baixo Miño farán un pasarrúas e darán paso a actuación estelar da noite: Miguel Costas & La Banda Turca, que presentará en Galicia o seu novo disco ao tempo que repasa os seus grandes éxitos con Siniestro Total. E o sábado haberá unha auténtica explosión musical: a sesión vermú a cargo da Banda de Música Municipal do Porriño, que incluirán no seu repertorio temas de cine. O desfile de chimpibuses acompañado pola charanga Os Veraneantes. A actuación de media tarde a cargo de Cuchufellos e os seus ritmos bailables. E para pechar, o gran éxito da edición de 2007: o show irreverente de o dúo vigués Toni Lomba e Elio dos Santos, nunha dos escasos concertos que conceden. Nesta ocasión será un concerto homenaxe a Eurovisión e contarán coa presenza de convidados sorpresa.

Cans 303 e o roteiro de sendeirismo
As novidades para este ano non se agotan aquí. O festival estrea o proxecto “Cans 303”, que toma o seu nome do número da saída de Cans na autovía Vigo-Ourense. Este ano propoñemoslles a catro directores de curtametraxes que foron premiados polo xurado ou polo público de Cans en edicións anteriores que realicen pezas breves de ficción. Os directores na primeira edición do proxecto serán Mario Iglesias, Álex Sampaio, Fernando Cortizo e Jorge Saavedra. Porémoslle unha serie de condicións: serán curtas de ficción que durarán como máximo 3’03” (tres minutos e tres segundos), teñen que ter exteriores rodados en Cans, contar con algún veciño da parroquia como actor ou figurante, que apareza algún can, e que se empregue a palabra chimpín. O resultado coñecerémolo na vindeira edición.

Ademais, como non todo vai ser cine e festa, este ano ampliamos as actividades complementarias cun roteiro de sendeirismo, unha proposta ideal para quen queira coñecer mellor o pasado e o presente de Cans e ter unha visión diferente da parroquia e do festival. Desenvólvese por boa parte da parroquia, ás dúas beiras do río Cans. Pasa próximo ás dez salas e a todos os lugares emblemáticos do festival, ademais de achegarse a máis dunha trintena de puntos de interese. É unha rota fácil que se completa en aproximadamente unha hora. Durante o festival faremos un roteiro guiado, o sábado ás 10 da mañá.

Estas son as principais características dun festival que agarda repetir o éxito de edicións anteriores. A información máis completa pódese atopar no dosier adxunto.

Categoría: Novas
Etiquetas: