O documental `Señora de´, dirixido por Patricia Ferreira, coa Produción Executiva de Carmen I. Rábade e producida por O Raio Verde, foi seleccionado para participar na 54 edición da Semana Internacional de Cine de Valladolid, Seminci, que se celebrará do 23 ao 31 de outubro. É a primeira vez que se selecciona un documental en galego para a súa estrea no festival de Valladolid.

`Señora de´ estrearase na Seminci, onde participará a concurso dentro da sección Tiempo de Historia e, tendo en conta o prestixio e a traxectoria deste festival, a produtora, O Raio Verde considera unha honra´ celebrar dentro da súa programación a estrea desta produción desenvolvida ao longo de tres anos. Esta é a última película documental dirixida por Patricia Ferreira, en cuxa filmografía destaca a dirección de películas como `Sé quién eres´, `El alquimista impaciente´, `En el mundo a cada rato´ ou `Para que no me olvides´.

O documental está protagonizado por trece mulleres que relatan con valentía a crónica das súas vidas, a de varias xeracións de mulleres na España franquista, na que as súas voces, os seus desexos e os seus pensamentos foron silenciados. Para chegar a elas, foron necesarios tres anos de traballo de campo, nos que se realizaron máis de 300 entrevistas ata elixir esta escolma de mulleres para protagonizar o documental, que desgranan testemuños e vivencias conmovedoras.  Nese labor de investigación xogou un papel relevante o departamento de Historia Contemporánea e América da Facultade de Historia da Universidade de Santiago, e de xeito especial Isaura Varela, profesora titular do mesmo e fundadora do arquivo oral Historga.

Como resultado, `Señora de´ descubre, entre outras, as vidas de María, que aos 16 anos quedou embarazada e foi internada nun centro cun réxime case carcerario. Pilar, que tivo o valor de separarse do seu home cando ninguén o facía. Segunda, a quen lle  tivese gustado disfrutar do sexo. Conchi, que tomou a decisión de ter como compañeira a outra muller, pero que nunca se atreveu a vivir con ela. Filomena, que sempre quixo aprender a ler e tivo que facelo soa, xuntando as letras e deducindo o seu significado. Valentina, que foi comadroa e viviu de preto o inhumano dos abortos clandestinos. Ou Ana, que soñou con traballar e cando casou soubo que, desde ese momento, todo rematara e pasaba a ser `Señora de´.

`Señora de´ foi coproducido por CRTVG, xunto coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.