O DIRECTOR DE MARKETING INTERNACIONAL DE FILMAX FALARÁ SOBRE AS ESTRATEXIAS PUBLICITARIAS DOS CONTIDOS AUDIOVISUAIS

2 / 01 / 2009

Rafael Cabrera, Director da División Internacional de Filmax Entertainment, será o encargado de tratar en CICA, os próximos días 27 e 28 de febreiro, as estratexias de marketing no mundo audiovisual internacional.
Cabrera explicará, con exemplos prácticos, os diferentes mecanismos e estratexias de marketing que se poden utilizar, en función do tipo de proxecto audiovisual do que se trate, do presuposto do que se dispoña, así como do momento de desenvolvemento en que estea o contido audiovisual concreto.

Desde a dirección da División Internacional da compañía, Rafael Cabrera foi o responsable das estratexias de marketing desenvoltas para películas tan distintas como, Rec – esta película bateu todas as marcas na historia do cine español en Hong Kong. Con 28 copias conseguiu a maior recadación dun título español na xornada de estreo e tamén récord de recadación total– o Pérez, o ratonciño dos teus soños. Esta última recibiu o Goya á Mellor Película de Animación no 2007.

Filmax é na actualidade un potente provedor de contidos audiovisuais, xa que conta cun catálogo de máis de 3.900 obras entre longametraxes, series, documentais e tv movies que responden ás sensibilidades culturais e aos diferentes criterios de audiencia nacionais e internacionais. Filmax Entertainment é unha compañía independente con capital 100% español e vocación internacional, dedicada á creación, produción, postprodución, distribución e exhibición de contidos audiovisuais para a industria do entretemento.

Rafael Cabrera, licenciado en Xestión Comercial e Marketing pola escola de negocios ESIC, comezou a súa traxectoria profesional hai 15 anos desempeñando varios cargos na área de marketing en diferentes empresas antes de chegar a Filmax.

Cabrera contará en CICA as claves a ter en conta para a exportación de contidos cinematográficos, as novas vías publicitarias dentro deste sector a nivel mundial, e aportará a súa experiencia profesional nesta área.

Categoría: Novas
Etiquetas: