O Consello da Cultura organiza un foro de reflexión sobre Cultura Local e outro sobre Cultura e Política, os días 28 e 29 de novembro para o primeiro caso, e os días 2 e 3 para o segundo, no salón de actos da entidade, en Santiago de Compostela.
O “Foro de Cultura Local“ reflexiona sobre o papel actual das asociacións de cultura local. Trátase de definir novas vías, instrumentos e horizontes de actividade cara ao futuro. Intervirán: José María Pérez (PERIDIS), Juan Carlos Prieto, Pablo Meira, Carlos Méixome, Carlos Forcadell, Manuel Gago e Alfredo Erias. Participarán representantes de diferentes concellos galegos.

O Foro “Cultura e política: Debates contemporáneos” está coordinado por Ramón Máiz e con Antón Baamonde como secretario. Os dous grandes temas a tratar serán: “Identidades colectivas, pluralismo e democracia” e “Universalismo e particularismo na sociedade post-secular”. É o sexto, e último, foro de debate organizado este ano polo CCG para conmemorar os seus primeiros 25 anos (1983-2008).

Cultura Local

As asociacións e outras entidades de cultura local galegas desenvolveron desde hai máis de vinte e cinco anos un insubstituíble labor de promoción dos estudos e divulgación dos coñecementos sobre a historia e os diferentes tipos de patrimonios locais. Este labor, ademais da función educadora que promoveu entre os cidadáns, serviu tamén para a conservación e posta en valor do patrimonio material e inmaterial que, sen este traballo, ficaría hoxe en parte desaparecido ou, cando menos, esquecido. Este labor foi especialmente salientable nas vilas onde a tradicional ausencia de institucións culturais foi particularmente solucionada polas asociacións de cultura local.

O Consello da Cultura Galega, consciente do importante labor destas asociacións pero tamén do feito de que as circunstancias sociopolíticas en Galicia mudaron moito nestes vinte e cinco anos, promove un foro de reflexión sobre o papel actual das asociacións de cultura local. Será un debate aberto entre os representantes das asociacións culturais galegas que nos permitirá reflexionar sobre experiencias actuais doutras comunidades autónomas, sobre os estudos sociolóxicos centrados no seu papel en Galicia e sobre os novos instrumentos de comunicación que as novas tecnoloxías ofrecen. Este debate tentará identificar con claridade o novo contexto sociopolítico no que se desenvolve o seu traballo, pero sobre todo definir novas vías, instrumentos e horizontes de actividade cara ao futuro. Deste xeito, o papel de interlocutor e promotor cultural que sempre desempeñaron estas asociacións non esmorecerá diante dos novos retos e poderá servir para encarar con eficacia e acerto o futuro.

Cultura e Política: debates contemporáneos

Este foro de debate abordará as diferentes dimensións do xiro culturalista que se produciu nos últimos 25 anos no ámbito tanto das ciencias sociais como da filosofía, así como no agromar de novas demandas e mobilizacións políticas. O obxectivo será dar conta, nunha perspectiva pluralista e interdisciplinar, dos novos vieiros abertos, pero tamén dos seus límites, polos estudos culturais, pola socioloxía culturalista, polas análises culturais dos valores materialistas e post-materialistas, pola culturización da política, polas últimas manifestacións do xiro lingüístico e interpretativo e as políticas de recoñecemento multicultural, e os retos das novas formulacións do feminismo, a diferenza e a sustentabilidade para a reformulación do horizonte normativo da democracia.

Tel. Información: 981 957 209